Lixeiro optimismo no comercio de Monforte ante a chegada de turistas

O Centro Comercial Urbano instalará unha tirolina, un rocódromo e un circuíto de obstáculos
2020071312584837565
photo_camera Visitantes e veciños, de paseo pola Rúa Cardeal de Monforte. I. L
A volta á normalidade tras o parón pola Covid-19 trae consigo esperanzas para o sector do comercio en Monforte. Para unha cidade na que abondan os pequenos establecementos, a súa reapertura supón o regreso da actividade ás rúas, así como a súa reactivación económica, posto que a baixada de ingresos durante os últimos meses "foi importante" segundo Ángel Folgueira, xerente do Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte.

Con todo, e a pesar da situación, non se produciu ningún peche de establecementos, confirma Folgueira. Ao contrario, a entidade monfortina creceu con seis comercios máis asociados nos últimos meses.

"A situación é delicada. Despois do confinamento houbo un leve optimismo por parte dos comerciantes tralos meses tan negros que tivemos. Cando os comercios puideron abrir as portas, a pesar das restricións , unha gran maioría deles notaron que vos veciños ían comprar. Isto supuxo un optimismo lixeiriño", apunta o xerente do CCU.

A prudencia e descoñecemento ante posibles rebrotes provocan que a situación actual maioritaria que se respira no comercio sexa de incerteza "", aínda que sen caer no pesimismo.

HOSTELERÍA. A pesar de que todos os sectores se viron afectados, os establecementos hostaleiros foron os que máis sufriron a crise debido ao atraso da súa apertura. "Salvo as tendas de primeira necesidade, todos os socios se viron afectados, aínda que á hostalería tocoulle abrir máis tarde", afirma Ángel Folgueira.

No entanto, o sector espera un repunte coa chegada dos visitantes á Ribeira Sacra. "Temos esperanzas postas en que ou turismo seguro e de natureza poida salvar un pouco a situación", apuntan desde o CCU, apelando á responsabilidade e a que non se produza ningún retroceso como no caso da Mariña.

TIROLINA. A pesar de que a Covid-19 obrigou aos responsables do CCU a suspender a maior parte de actividades previstas para este ano, os monfortinos e visitantes poderán gozar dunha tirolina, rocódromo e circuíto de obstáculos desde o 22 de xullo ata o 5 de agosto, segundo confirma o xerente da entidade.

O pase para poder participar será o realizar unha compra de máis de 10 euros en calquera establecemento asociado. Os vales estarán dispoñibles nos próximos días.

Ademais, desde a asociación monfortina están a preparar dúas actividades sorpresa que darán a coñecer a través das súas redes sociais e que levarán a cabo durante os meses de xullo e agosto. Todas as propostas realizaranse seguindo as medidas de seguridade e hixiene que obriga o protocolo de Sanidade. O CCU tamén pon a disposición dos visitantes que se acheguen á cidade do Cabe unha ruta comercial online na que se poden consultar a localización dos establecementos, servizos e lugares turísticos.

Promoción da dixitalización
O CCU ten entre os seus plans de acción a creación de incentivos para que os establecementos monfortinos que o desexen poidan dar o salto ao mundo dixital. Actualmente, o número de negocios que contan con tenda online é moi pequeno, pero os que si teñen presenza en internet, tiveron unha fonte de ingresos durante o confinamento que non gañaron as tendas físicas.

Axudas
O CCU está a traballar en axudas para a dixitalización do pequeno comercio en colaboración coa Deputación de Lugo.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia ofrece tres liñas de apoio para autónomos, pequenas e medianas empresas a través de cheques de dixitalización e axudas de Galicia Exporta Dixital. Pódense consultar en www.igape.es

Asociados
Actualmente, o CCU de Monforte conta con 150 establecementos asociados. O seu obxectivo como colectivo é promover e defender o comercio local. os interesados poden chamar ao 982.40.47.67

Comentarios