A lista máis difícil de Varela

O regreso ao PP do alcalde de Chantada divide aos seus concelleiros e complícalle a tarefa de facer unha candidatura na que se aglutinen en harmonía os intereses de todas as partes

Manuel Lorenzo Varela, con concejales de Chantada. TOÑO PARGA
photo_camera Manuel Lorenzo Varela, con concelleiros de Chantada. TOÑO PARGA

Hai tempo que se sabía que o Partido Popular estaba detrás dun integrante do equipo de goberno de Chantada (Inta) para encabezar a súa lista de cara ás eleccións municipais de maio. Soaron os nomes de varios concelleiros, pero nunca se confirmou nada porque o partido apuntaba máis alto e levaba todo o inverno negociando co propio alcalde, Manuel Lorenzo Varela, para que volvese á formación que deixou en 2009 tras unha forte crise interna.

A realidade é que Varela nunca se foi do todo do PP, pero non é menos certo que tamén se lle vía arroupando ao propio Manuel Martínez e os seus movementos independentes, así que cando o luns se fixo público que o alcalde de Chantada se dera de alta no PP e que sería o seu candidato ás próximas eleccións a sorpresa foi maiúscula e fixo aflorar a división entre os seus concelleiros.

Agora Varela e o seu novo partido, que en realidade é a súa casa de toda a vida, teñen a dura tarefa de conformar unha lista. E será unha misión complicada porque o tempo aprema e hai que conciliar os intereses do PP, cos dos integrantes de Inta e cos do propio Varela.

A primeira cuestión a resolver é se Javier Rodríguez Medela, o portavoz municipal popular e candidato nos anteriores comicios, estará nesa nova lista. O propio Medela declinaba este martes facer declaracións. "Mañá -por este mércores- teremos unha reunión do comité local e a partir de aí poderemos falar", explicaba. Fontes próximas a Medela insistiron en que non lle gustaron as formas nin o momento no que se anunciou a súa substitución, pero este martes el dicía que o feito de que o PP apostase por Varela "entra dentro do normal e corrente destes procedementos" e quitáballe ferro ao asunto. Así que non se pode descartar que a nova candidatura integre a Medela e a parte do seu equipo.

Outra das cuestións ás que ten que enfrontarse Manuel Varela é a presenza ou non dos concelleiros que forman parte do equipo de goberno e, aí, a divisón e a tensión está sementada.

Diego Otero incorporouse a Inta neste último mandato pero é un dos homes de confianza de Varela porque asumiu unha dedicación parcial e moitas responsabilidades no goberno. Este martes Otero era o máis claro de todos e explicaba que estaba a disposición de Manuel Varela para acompañalo na súa nova andaina. Recoñeceu que o alcalde lles consultou a súa decisión e engadiu que el estaba a favor do cambio ao PP porque consideraba que podía "ser bo para Chantada polas inversións que poidan chegar dende a Xunta e incluso dende a Deputación se os resultados electorais acompañan".

Outras dúas cuestións a solucionar levan os nomes de Castor Novoa e Manuel Diéguez. Son os dous concelleiros que quedan no equipo de goberno que acompañaron a Varela no PP e que o seguiron no proxecto de Inta e son dous homes de peso en Chantada. Castor Novoa fíxose cargo das concellarías máis desagradecidas e tocoulle enfrontar algúns dos episodios máis polémicos do equipo de goberno de cara á opinión pública. Este martes Castor Novoa evitou atender á prensa, pero é sabido que leva tempo canso, que non comparte todos os movementos de Varela e que quere baixarse da política.

O mesmo ocorre con Manuel Diéguez, o home incombustible do equipo de goberno. O que está detrás da feira do viño, as festas ou os entroidos. Este martes foi moi duro e asegurou que non quería facer declaracións porque non era o momento. "Mañá - por este mércores- é o pleno dos presupostos e por respecto ao resto dos compañeiros da corporación creo que non é o momento de falar de candidaturas", resolvía. O propio Diéguez dixo en varias ocasións que xa non estaba cómodo na política activa.

Pero se nin Castor Novoa nin Manuel Diéguez están na lista, a Varela seralle difícil encher o oco de dúas persoas con moita relevancia en Chantada.

Os outros dous concelleiros son Pamela Fernández e Juan Alberto Diéguez e todo apunta a que Fernández tampouco continuará.

Comentarios