Libera reabre o debate sobre o uso de vacas no Folión de Carros en Chantada

O colectivo pide que se substitúan por tractores e a organización afirma que a súa normativa está feita para protexer aos animais

Folión de Carros en Chantada. TOÑO PARGA
photo_camera Última edición do Folión de Carros en Chantada. TOÑO PARGA

A asociación animalista Libera reabriu o debate sobre o uso de vacas e bois durante o transcurso do Folión de Carros en Chantada. O colectivo solicita de novo, como fixo os dous últimos anos, que se utilicen tractores para tirar das estruturas.

Desde Libera consideran que o incidente ocorrido na pasada edición do Folión, cando dúas vacas se liberaron do seu xugo xusto antes da saída do primeiro carro e escaparon pola Avenida de Monforte cara ao auditorio municipal, "constata a necesidade de suprimir o uso de animais". A asociación indicou que "os danos persoais e materiais puideron ser moito maiores se as vacas saísen en estampida".

O colectivo animalista engadiu que para rememorar unha tradición histórica "non é obrigatorio nin imprescindible a tracción animal" e ven "inconcibible" o seu uso "ao existir alternativas mecánicas adecuadas e unha maior conciencia social sobre o trato que deben recibir os seres vivos". Desde Libera mostráronse moi críticos coa normativa da organización, que corre a cargo da asociación Amigos do Folión. Considérana unha "pantomima" e tachan o plan de autoprotección como "inútil".

Invitamos a Libera a que veña a Chantada e lle explicamos todo, así tería unha opinión real

"Estamos dispostos a que un integrante deste colectivo veña a Chantada para explicarlle que se fai e cal é a nosa normativa, para que así teñan unha opinión real e non xerada nunha oficina a partir de imaxes", explicou o presidente de Amigos do Folión. Manuel Vázquez Regal defende que o regulamento interno do evento está baseado "nun respecto escrupuloso aos animais".

Entre as normas establecidas por Amigos do Folión áchase a prohibición de sacar fotos con flash ás reses a menos de tres metros de distancia, tocalas ou porse moi preto delas. "Procuramos que se cumpran, pero non podemos estar en 80.000 sitios á vez", engadiu Vázquez Regal.

Libera expresou que a mesa redonda sobre o benestar dos animais organizada durante as xornadas do Folión de Carros o pasado xullo foi "un exercicio de autobombo". Os animalistas din que non se contou con ningún activista nin con especialistas reais".

Vázquez Regal respondeu que en devandito debate si participaron profesionais. "Houbo veterinarios e especialistas en tiro. Ademais, encargamos estudos para saber se as vacas están preparadas", sinalou. Este debate supón unha vella polémica en Chantada.

Comentarios