Dous mozos pagan 3.580 euros por un grafiti feito nun vagón do tren en Monforte

Utilizaron pinturas acedas, o que deixou o convoi inservible

TEAG5626
photo_camera O tren cubría o traxecto entre A Coruña e Monforte. EP

Dous mozos, un home e unha muller, chegaron a un acordo no xuízo celebrado este martes na sala do Penal número dous de Lugo tras admitir a súa culpabilidade como autores dun delito de danos, consistente en realizar un gran grafiti nun vagón dun tren estacionado en Monforte ás 4.20 horas do día 13 de outubro de 2015.

Os danos causados, segundo a empresa ferroviaria, ascenderon a 2.500 euros, que satisfixeron tras recoñecer os feitos, o que serviu como atenuante. Así, no canto de ser condenados a un ano de cárcere e a doce meses de multa a razón de seis euros diarios, soamente terán que pagar, ademais dos 2.500 euros de danos, unha multa de 1.080 euros entre os dous. O que fai un total de 3.580 euros.

No escrito acusatorio deuse por demostrado que os mozos utilizaron pinturas acedas no vagón dun tren que cubría o traxecto entre Monforte e A Coruña, sendo necesario substituílo ao quedar inservible.

Comentarios