Jimmy dá continuidade nun novo local a unha carreira de 56 anos

TRADICIÓN. Roberto Failde consolidou da man de marcas de alta calidade unha tenda que abriu no 2011 vencellada á fábrica de punto da súa familia
Roberto Failde, propietario de Jimmy, en Chantada-Portada. EP
photo_camera Roberto Failde, propietario de Jimmy, en Chantada. EP

Corría o ano 1966 cando os pais e os tíos de Roberto Failde Delgado abriron en Chantada unha fábrica de punto. Malia que a factoría pechou hai tres anos, a familia Failde segue sendo sinónimo de vinculación co sector téxtil. Roberto consolidou unha tenda de roupa aberta no 2011 para vender as prendas que naquel momento se elaboraban na fábrica. Agora, nun local máis amplo e vistoso, Jimmy (así se chama o negocio) segue a ser unha referencia para facerse con marcas de calidade media ou alta. 

Dende setembro do ano pasado, as prendas de Jimmy poden adquirirse no número 14 da Avenida de Monforte. Alí traballan Roberto e a súa irmá, María José, dando continuidade a 56 anos de relación dos Failde co mundo da roupa. Como el lembra, todo comezou coa idea de contar cun local onde comercializar as pezas de vestir feitas na fábrica familiar, onde o único produto mercado que entraba era a la. Absolutamente todo o proceso restante facíano eles. 

Fabricantes de punto e vendedores da súa propia roupa en Jimmy, negocio que foi medrando e ampliando miras pouco a pouco ata transformarse no que é hoxe en día, un establecemento ao que acudir para facerse con algunhas das mellores marcas do mercado

"A nosa evolución marcárona sempre os clientes. Vimos que moita xente prefería marcas de liña media-alta, que é a nosa especialidade actual", indica Roberto Failde. 

O local anterior, na Praza de Santa Ana, quedou pequeno e agora Jimmy vive novos tempos na Avenida de Monforte. Alí a tradición segue. Os Failde escriben, a través de Roberto e María José, novos capítulos da súa historia no mundo da moda e o téxtil. Calzado, pantalóns, complementos, camisas, xerseis ou chaquetas son os grandes protagonistas dunha tenda máis que consolidada. 

ORIENTACIÓN. Unha das vantaxes de apostar por Jimmy é a posibilidade de atopar roupa de calidade para un rango de idade moi amplo, que vai dende os nenos pequenos (de dous anos) ata adultos e persoas de 80 anos ou máis no caso dos homes. Nos últimos tempos, o negocio tamén ofrece vestimentas para mulleres, aínda que orientadas sobre todo a un público en idade moza. 

Hackett London, Superdry, Panama Jack, El Ganso, Merc, Meyer, Geox, Fred Perry, Florentino, Munich, Do Rego & Novoa, Hunter, Saucony, Replay ou Helly Hansen son algunhas das firmas que poden atoparse e adquirirse en Jimmy, onde Roberto e María José Failde agardan para atender os clientes da mellor maneira posible. 

O negocio forma parte, ademais, da asociación de empresarios e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Chantada e tamén da Cámara de Comercio de Lugo. Isto quere dicir que os propietarios asumen algúns dos valores propios deste tipo de colectivos, que tratan de enxalzar a comodidade e as vantaxes que ten para o consumidor a aposta polos negocios de proximidade

É unha cadea. Se as tendas da vila teñen bos resultados, repercutirá positivamente no resto dos veciños e establecementos, tanto comerciais coma hostaleiros ou de calquera outro ámbito. 

Con esa filosofía procura manter Jimmy unha traxectoria de máis de cinco décadas da familia Failde, referentes do sector téxtil en Chantada. A fábrica de punto xa non está dispoñible, afectada pola crise e a dura competencia dos mercados foráneos. 

Aínda así, Roberto e María José colleron o relevo. Jimmy cumpre doce anos ofrecendo aos veciños de Chantada o mellor nun campo tan relevante como a roupa, o calzado e os complementos.

Máis datos 
Horario
▶ Jimmy está aberto entre as 10.00 e as 14.00 e as 17.00 e as 20.00 horas de luns a venres. Tamén está dispoñible para o público os sábados, no mesmo horario. 

En internet
▶ O negocio conta con ampla información sobre os seus servizos e fotografías dos produtos nos perfís que ten habilitados nas redes sociais Facebook e Instagram

Contacto
▶ É posible chamar por teléfono para facer calquera tipo de consulta sobre as existencias dispoñibles. O número é o 600.48.07.43.

Comentarios