Os xabarís arrasan sete hectáreas dun cultivo de millo en Chantada

Héctor Ledo, propietario dos terreos, lamenta que "ninguén fai absolutamente nada" para protexer aos produtores coma el
Héctor Ledo muestra el lugar por el que acceden los jabalíes. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Héctor Ledo mostra o lugar polo que acceden os xabarís. MIGUEL PIÑEIRO

Os xabarís causaron esta semana graves desfeitas nunha plantación de millo de Chantada. Os animais entraron varios días durante a madrugada na terreos propiedade de Héctor Ledo, na parroquia de Laxe, e arrasaron dúas parcelas, unha de catro hectáreas e outra de tres. Trátase dunha leira que non está pechada debido ao seu gran tamaño. é unha concentración parcelaria sen muros nin aramados situada xusto á beira do paso dunha estrada. Os xabarís acceden ao cultivo desde o outro lado da vía, atravesándoa. Xa acabaron con sete destas 25 hectáreas dedicadas ao millo e o agricultor teme que fagan acto de presenza outra vez nos próximos días.

"Son o veciño máis afectado porque sementei o 27 de abril e o meu millo xa ten espiga. Estes feitos desmoralizan a calquera", lamentou o home afectado. Héctor Ledo di que non é a primeira vez que sofre este tipo de contratempos. Sempre que planta millo os xabarís aparecen. Segundo relata, os animais entran ao campo ben entrada a madrugada. Algunhas desfeitas a poucos metros da estrada mostran o lugar exacto polo que acceden á plantación. No interior da mesma, o aspecto é desolador. "Chegan, esnaquizan e comen. Non hai máis. Aínda que o peor é a sensación de que non podes facer nada", explica o afectado.

Está moi ben que haxa fauna, pero non me gusta que sexa á miña costa

O xabaril é unha especie protexida, así que a súa caza está moi controlada. O agricultor chantadés di que a primeira batida organizada non se efectuará ata finais do presente mes. "Para min xa vai ser tarde. Os animais volverán antes porque xa viron que aquí poden alimentarse", asevera. Héctor Ledo móstrase moi crítico coas administracións públicas e considera que os produtores como el están moi pouco protexidos. "Está moi ben que haxa fauna, pero non me gusta que sexa á miña costa", subliña.

Ledo é rotundo á hora de afirmar que ninguén "fai absolutamente nada por nós. Nin o coto, nin Medio Ambiente, nin Seprona nin a Garda Civil". Por esa razón, advirte de que tomará medidas para salvagardar a súa colleita. "Empregarei métodos caseiros para combater os xabarís. Non se debe facer, pero teño que protexer o meu traballo", indica.

Comentarios