domingo. 08.12.2019 |
El tiempo
domingo. 08.12.2019
El tiempo

No interior tamén hai praia

Praia da Cova nunha xornada de tarde deste verán. ANA RODIL
Praia da Cova nunha xornada de tarde deste verán. ANA RODIL

A popularidade da Cova, no río Miño, disparouse nas últimas datas. A zona énchese de visitantes, especialmente as fins de semana

A praia da Cova, no río Miño ao seu paso polo Saviñao, converteuse nunha alternativa imprescindible para combater as altas temperaturas na Ribeira Sacra lucense. Veciños e visitantes enchen a diario este espazo, que ata hai pouco era só unha referencia para a poboación local. A posta en marcha dun complexo gastronómico e de lecer, a adecuación das instalacións e o efecto chamada das redes sociais impulsaron a zona e é habitual que, especialmente as fins de semana, haxa problemas para aparcar nas inmediacións.

As propostas desta praia fluvial son varias. Ademais de tomar o sol, gozar da paisaxe (a praia sitúase moi preto do Cabo do Mundo, un dos lugares máis emblemáticos da Ribeira Sacra do Miño) ou tomar algo no complexo gastronómico, a oferta deportiva crece cada ano e pódese gozar da contorna tanto na auga como en terra.

NUMEROSAS ACTIVIDADES. A maior parte do ano as augas do río Miño ao seu paso pola Cova permanecen tranquilas, o que facilita a realización de distintos deportes acuáticos. Hai dispoñibles rutas ata a illa de Maiorga (xa no municipio de Pantón) en kaiak biplaza e táboas de paddle surf dunha praza. A duración aproximada dos traxectos é de dúas horas. Tamén hai un servizo de maxitablas de paddle surf de oito prazas, así como pedaletas e barcas a remo. As rutas en kaiak e en táboas de paddle surf permiten a contratación adicional de monitor, picnic na illa, acampada e visita á catarata de Augacaída.

A outra opción é gozar da contorna por terra xa que son varias as alternativas de sendeirismo. Habilitouse unha ruta de carácter circular pola contorna da praia. Ten tres quilómetros de percorrido e o seu nivel é fácil. Tamén hai unha ruta lineal desde a praia ata a adega Abadía da Cova. Ida e volta suman 2,5 quilómetros pero a dificultade é elevada.

Pola zona pasa ademais a ruta PG-R162, que empeza en Santo Estevo de Ribas de Miño, a 18 quilómetros da Cova, e acaba na igrexa de Santo Estevo de Atán, tamén a 18 quilómetros da Cova pero en dirección oposta. Permite coñecer as igrexas mencionadas, pasa por varios pazos, adegas e pola fervenza de Augacaída, que se atopa a nove quilómetros da praia.

No interior tamén hai praia
Comentarios