Iniciada unha nova ampliación do museo xeolóxico de Quiroga

As obras, xa en marcha, permitirán dotar de maior tamaño as cinco salas nas que se mostra a historia natural de Galicia
Museo geológico y paleontológico de Quiroga. EP
photo_camera Museo xeolóxico e paleontológico de Quiroga. EP

A segunda fase das obras de ampliación do museo de xeoloxía e paleontoloxía de Quiroga xa está en marca. O proxecto permitirá o ensanche desta edificación polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán unha maior amplitude. Prevese que as obras estean finalizadas a finais deste ano.

Esta intervención permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que ata agora non podían mostrarse ao público por falta de espazo, á vez que se creará unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.

A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e rocas procedentes da comarca, que pretende ampliarse.

A segunda sala centrarase na historia paleontolóxica, mostrándose diferentes fósiles animais, todos eles achados na serra, entre os que destacan o esqueleto completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla acoller unha nova colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao Concello.

Un dos novos reclamos será unha estalamita da cova de Arcoia que serviu para secuenciar o clima en Galicia desde hai milenios

A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por restos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará cunha estalagmita da cova de Arcoia, a que permitiu estudar a secuencia climática de Galicia.

A cuarta das salas estará dedicada ás primeiras ocupacións humanas na zona. Nela veranse dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas do Paleolítico e do Neolítico atopadas na zona da Ermida e na que se contempla albergar a reconstrución do rostro da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra courelá.

A última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais recollidos na zona e que representa parte da minería do territorio desde a época dos romanos, tamén será ampliada para acoller máis material.

Comentarios