Un incendio nunha cheminea queima o tellado dunha casa en Monforte

O matrimonio residente na vivenda non sufriu danos, pero os materiais son cuantiosos
2020011409172364800
photo_camera Bombeiros do corpo comarcal apagando o incendio da casa de Monforte. L.A.R.

Un incendio que se orixinou na cheminea dunha vivenda unifamiliar do barrio de Catro Ventos de Monforte, zona situada na saída da cidade cara á parroquia de Gullade, calcinou pasadas as sete da tarde deste luns case por completo o tellado do inmoble, no que reside un matrimonio de septuaxenarios.

Foron os que se deron conta de que o lume se estendía pola cuberta da súa casa con rapidez, avisando de inmediato aos servizos de urxencia da Xunta, o 112. A parella non sufriu danos, pois estaba na planta baixa da casa, pero os materiais, tanto debido ao incendio no tellado como polos labores de extinción, estímanse moi cuantiosos.

Ata o lugar do suceso desprazáronse os bombeiros do corpo comarcal con todos os seus vehículos, así como unha carroceta para a loita contra os incendios forestais. Tamén estiveron presentes axentes das policías Local e Nacional, ademais dun bo número de veciños do lugar que acudiron para saber se podían axudar en algo.

O dono da casa sinalou que non sabía como se puido producir o incendio que arruinou a súa vivenda. Sinalou que todos os anos limpa a cheminea, por iso é polo que non se explica o sucedido.

Si sabía o motivo da rápida propagación das chamas. A pesar de ser unha casa que soamente ten dez anos de antigüidade, feita con materiais ignífugos, decidiu colocar vigas de madeira para aguantar o teitume por se algún día, explicou, decidía darlle unha altura a maiores á vivenda. Ese foi o seu erro, destacou mentres vía como os bombeiros apagaban as chamas.