Un incendio causa danos na cociña e o tellado dunha vivenda de Taboada

É unha residencia de fin de semana, na que os propietarios acenderan unha lareira na xornada anterior

photo_camera Estado no que quedou a cociña afectada polo lume. GES MONTERROSO

Un incendio que se orixinou sobre as nove da mañá deste venres nunha vivenda de fin de semana situada na parroquia de Xián, no municipio de Taboada, causou importantes danos materiais na cociña, a cheminea e en parte do tellado. Non houbo que lamentar danos persoais, pois os donos da casa non se atopaban nela, xa que residen en Lugo.

Crese que as chamas puideron orixinarse a partir dunhas brasas que quedaron do día anterior, cando os propietarios acenderon unha lareira que hai na cociña.

Foron os veciños que residen preto desta casa, tras ver unha gran cantidade de fume que saía do inmoble, os que avisaron ao servizo de urxencias da Xunta de Galicia, o 112. Mobilizouse ao GES de Monterroso e aos bombeiros de Chantada.

OS PRIMEIROS. Os monterrosinos foron os primeiros en chegar. Accederon ao interior da vivenda tras abrirlles a porta un veciño que dispón de chaves para casos de urxencia. Os integrantes do GES de Monterroso empregáronse a fondo para sufocar as chamas, algo que conseguiron tras algo máis de dúas horas de intenso traballo.

Os bombeiros do corpo comarcal chantadés non tiveron que actuar, pois cando chegaron ao lugar do suceso as chamas estaban controladas polos integrantes do grupo de urxencias monterrosino, polo que se deron a volta e regresaron á súa base, situada na vila da Asma.

A veciñanza de Xián encomiou a rápida chegada e intervención do GES de Monterroso, xa que foi determinante á hora de impedir que o lume se propagase ao resto das estancias da vivenda, evitando así que os danos causados polas chamas fosen máis graves.

Comentarios