A incansable loita de Narote

Un documental conta a historia dun veciño do Saviñao perseguido polo franquismo

Narote2
photo_camera Narote, nos seus anos de aviador. NR

Antonio Nieves, Narote, tiña 102 anos cando David Vázquez e Lorena Gallardo o entrevistaron na súa casa do Saviñao. Catro despois segue con vida, con achaques propios de tan avanzada idade, pero agora un documental, chamado tamén Narote, narra a incesante persecución que este home sufriu por parte do franquismo por negarse a bombardear Asturias durante a revolución mineira de 1934.

O director da cinta, David Vázquez, afirma que o relato de Narote "invita a reflexionar". Él e a guionista, Lorena Gallardo, fixeron este traballo baixo o selo de Airoá Comunicación e este sábado emíteno no auditorio de Chantada a partir das 20.30 horas. Son 18 minutos de duro testemuño, o dun home que pasou unha parte importante da súa vida escondéndose e que se viu obrigado a marchar de España.

Narote fixo o servizo militar e exerceu de aviador no aeródromo de León. Cando estalou a revolución en 1934, o Goberno da República ordenoulles bombardear Oviedo, ao que el e varios dos seus compañeiros se negáron. Este acto custoulles ser detidos e ingresar en prisión.

Manuel Azaña indultounos posteriormente, pero ao estalar a Guerra Civil en 1936, o bando franquista declarounos desertores e Narote viuse a obrigado a esconderse na súa casa do Saviñao durante catro anos. "Só saía da casa pola noite para cazar, pero cando rematou o conflito collérono", indica David Vázquez.

Desde esa primeira detención, Narote pasou por un calvario que o levou a ser liberado e encarcerado de novo varias veces. Mentres, moitos dos seus compañeiros e amigos eran fusilados polo réxime. "El sempre se foi salvando. Dentro do malo tivo sorte, porque hoxe pode contalo", asevera David Vázquez.

A última vez que estivo en prisión foi en Quiroga. Por sorte para el, o avogado desta localidade fora compañeiro seu durante o servizo militar. Grazas a iso foi liberado de novo, pero ante o temor dun novo encarceramento decidiu exiliarse a Venezuela, onde viviu ata moitos anos máis tarde.

Actualmente, Narote está case sempre en Vigo, pero mantén uns vínculos co Saviñao que nunca perdeu. Ía a miúdo á súa localidade natal cando aínda dispuña de carné de conducir. Na súa cabeza hai unha infinidade de recordos dunha época difícil á que puido sobrevivir e que David Vázquez e Lorena Gallardo inmortalizaron nun documental.

Fotos antigas e a voz de Narote
O documental dura uns 18 minutos, pero David Vázquez afirma que había dúas horas de material audiovisual. O relato de Narote é tan impactante que os comunicadores optaron por prescindir dunha voz en off. Só hai imaxes antigas e o testemuño do protagonista. O máis duro, segundo Vázquez, foi conseguir as fotos. "Temos tres fotos aéreas do aeródromo de León e tivemos dificultades para conseguilas. Só atopar imaxes para ilustrar o documental levounos un ano", sinalou.

David Vázquez e Lorena Gallardo coñeceron a historia de Narote grazas ás súas memorias, relatadas nun libro titulado Loita incansable. "Lorena leu a obra e pasouma. Entón, decidimos que tiñamos que facerlle unha entrevista", conclúe Vázquez.

Comentarios