O venres inaugúrase unha exposición sobre as cantigas de Martín de Padrozelos

A mostra está situada en Folgoso do Courel e chámase “De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos”
Cartel da exposición. CEDIDA
photo_camera Cartel da exposición. CEDIDA

A Exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, organizada pola
Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (AEPECSA), no marco do programa O teu Xacobeo, en colaboración do concello de Folgoso do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra,
inaugurase o vindeiro venres, día 6 de agosto, a partir das 12 horas, en O Courel, nun acto que se celebrará na Oficina de Información Turística de Folgoso,

No acto de inauguración está prevista a participación do alcaldesa, Lola Castro Ochoa; do presidente e do secretario da Asociación organizadora, Xosé María García Palmeiro e José Manuel Salgado, respectivamente; de Uxío Novo Rey, en representación da Fundación Uxío Novoneyra, e do comisario da Exposición, o periodista, Luís Celeiro Álvarez.

Trátase dunha mostra, de carácter divulgativo e itinerante, que transmite e fai visible a importancia
da lírica galega na Idade Media
, coas dez cantigas de Martín de Padrozelos, un dos primeiros
trobadores coñecidos da nosa lírica, vinculado aos concellos de Samos, O Courel e O Incio, aos que alude nas súas cantigas.

As dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, foron musicadas polo grupo A Quenlla e gravadas
nun CD, que axuda á revalorización deste autor medieval, coas súas orixes en Praducelo de Lóuzara, onde Samos limita co Courel e onde se conserva unha casa co seu nome. A vinculación de O Inicio, Samos e O Courel coas orixes da literatura galega resultan evidentes para investigadores como Dulce Fernández Graña e Xulio Pardo de Neyra, os dous primeiros en publicar os seus traballos sobre o autor medieval e as súas cantigas, que se conservan nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa.

Cada unha das dez cantigas constitúe un panel da Exposición, que conta con dous máis, un dedicado á ficha técnica da mesma e outro que contén un mapa cos concellos polos que pasa o recorrido itinerante da Exposición, onde adquiren principal relevancia os concellos de O Courel, Samos e O Incio, as terras de Martín de Padrozelos.

Despois de O Courel, a Exposición ira a Portomarín (19–30 de agosto), para rematar nunha das
pallozas do Cebreiro, na primeira quincena de setembro. Anteriormente estivo en O Incio, Samos,
Triacastela, Paradela, Láncara e Sarria.

Comentarios