As tres igrexas de Sober con pinturas murais integrarán unha ruta cultural

O alcalde desexa sacar rendemento ao románico e á arte do Alto Renacemento dos templos
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Pinturas restauradas situadas no presbiterio da igrexa de Proendos. ARQUIVO

O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, quere sacarlle rendemento ás súas igrexas románicas, pero sobre todo ás pinturas murais do Alto Renacemento (séculos XV e XVI) que atesouran tres delas, as de Santa María de Proendos, San Vicente de Pinol e San Xulián de Lobios. Trátanse de expresións artísticas de moi alta calidade, segundo os expertos, circunstancia que moveu á Xunta de Galicia a intervir nelas co fin de restaularlas.

A primeira intervención remóntase a algo máis dunha década, cando a Consellería de Cultura decidiu actuar no templo de Proendos, nas súas rechamantes pinturas que enchían o presbiterio e os seus laterais, pero tamén na sancristía.

Nunha contorna de só sete quilómetros están os santuarios de Proendos, Pinol e Lobios

Tiveron que pasar moitos anos ata que este departamento da Xunta prestase atención a outras igrexas, como a de Pinol. Nela houbo varias intervencións. As primeiras, fai uns dous anos, consistiron en arranxar tanto a cuberta como os muros exteriores para eliminar humidades no interior, para levar a cabo unha segunda fase de intervención, orzada en 150.000 euros, para proceder á recuperación das pinturas que ocupan a práctica totalidade do templo e que están ben conservadas, dixo o alcalde, grazas a un morteiro de cal que as tapou. Os traballos de restauración destes murais están a piques de ser rematados.

Días atrás coñeceuse que Cultura adxudicara por uns 80.000 euros a posta en valor das pinturas do Alto Renacemento que atesoura a igrexa de San Xulián de Lobios que, do mesmo xeito que as dos templos xa citados, son, a jucio do rexedor soberés, "un verdadeiro espectáculo".

Por iso, Guitián indicou que en canto se finalicen as tarefas de restauración tanto en Lobios como en Pinol "teremos a oportunidade de ofrecer aos visitantes unha interesante ruta polas nosas igrexas románicas, incluíndo Canabal e Bolmente, e, ao mesmo tempo, que poidan coñecer unhas pinturas murais do século XVI case únicas". O rexedor espera que o proxecto turístico-artístico sexa unha realidade o próximo ano.

Cal e retablos para tapar unha gran mostra artística
A finais do século XVI, nos templos relixiosos apostouse por esconder as pinturas murais detrás de retablos ou baixo o cal. Foi un pouco por cuestión estética (ao imporse novos estilos artísticos), pero tamén por hixiene, xa que as paredes se encalaban para evitar pestes e contagios en lugares onde se concentraba a xente. Iso provocou que detrás dese cal e dos retablos ocultásense verdadeiras xoias pictóricas que durante os séculos posteriores pasaron desapercibidas ao ollo do home.
Nogueira de Miño
Un dos exemplos máis valorados e coñecidos da pintura mural é o templo de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada), onde os frescos dos que dispón valéronlle para que sexa chamada a ‘Capela Sixtina' da Ribeira Sacra.

Comentarios