Sete ideas para unha nova ponte

A casa da cultura de Monforte acolle ata o día 13 os deseños do viaduto do Malecón  ►O concurso de ideas foi gañado por diferenza pola empresa lucense Monsa Urbanismo

Os monfortinos teñen a oportunidade de coñecer ata o día 13 deste mes os sete proxectos que se presentaron ao concurso de ideas convocado polo Concello para levantar unha ponte no Malecón, no lugar que actualmente ocupa unha pasarela, similar á de ferro que había na Avenida de Galicia e que veu abaixo en 1952.

A mostra, montada na casa da cultura Lois Pereiro, está composta por paneis que debuxan alzados e características da infraestuctura, así como recreacións virtuais de como quedaría na contorna.

As tres propostas que resultaron elixidas como as tres mellores foron, segundo indicou o alcalde, José Tomei, as que máis se axustaron ás esixencias recollidas nas bases do concurso. Os catro restantes, engadiu, "sen deixar de ser interesantes, apartáronse bastantes das especificacións marcadas".

► Galería: estes son os sete proxectos

O mandatario local invitou aos veciños a visitar a exposición co fin de que comproben que se trata dun proxecto importante que ten un dobre obxectivo. Por unha banda, dixo, servirá para pechar ao tráfico de vehículos a ponte medieval e, por outro, manter e incluso mellorar a permeabilidade circulatoria no centro do centro urbano.

Todos aqueles que desexen coñecer esas sete propostas poden facelo en días laborais en horario de dez a dúas, polas mañás; e de cinco a nove, polas tardes. O percorrido débese realizar pola marxe esquerda da exposición, onde están montadas as catro ideas que maior puntuación recibiron, para logo dar a volta e rematar cos tres restantes.

O GAÑADOR. O concurso foi gañado por Monsa Urbanismo S.L. (Lugo), con 643 puntos. En segunda posición quedou Proxectos e Obras de Estruturas e Instalacións S.L. (Vigo), con 578, e en terceiro lugar, Adriana Rodríguez González, unha nova arquitecta de Pantón, con 566 puntos.

Os seguintes postos foron para Consultora de Enxeñería, Medio Ambiente e Arquitectura S.L. (A Coruña), José Antonio González Meijide, (Oleiros, A Coruña), Fhecor Enxeñeiros-Consultores (Madrid) e Francisco Valente Arquitectos (Valencia).

Todos tiveron soamente quince días para desenvolver a súa idea. A partir de agora, a empresa lucense que se alzou co premio deberá axustar a súa proposta a un proxecto construtivo viable e executable, sendo o Concello monfortino o que teña a última palabra sobre especificaciones técnicas. O alcalde estima que a construción deste novo viaduto suporá un investimento lixeiramente superior ao millón de euros.

OPOSICIÓN. A iniciativa do equipo de goberno monfortino non gusta a algúns veciños, que se organizaron nunha plataforma baixo o nome Salvemos o Malecón.

Na actualidade realizan trámites para constituírse oficialmente como asociación pública e levar a cabo accións para disuadir a Tomé de que se faga a ponte.

Comentarios