O hotel de luxo Palacio de Sober abrirá antes de finais de xuño

Unha filial do grupo Hotusa do chantadés Amancio López Seijas traballa estes días para deixar listas as instalacións canto antes

Fachada norte del hotel Palacio de Sober. AEP
photo_camera Fachada norte do hotel Palacio de Sober. AEP

A firma Nubian Properties, que forma parte do grupo Hotusa, traballa estes días a contrarreloxo para poñer a punto os xardíns e todas as instalacións do hotel Palacio de Sober de cara á súa inminente apertura, que se producirá antes de que finalice o mes de xuño.

Trátase dunha data definitiva despois de que no pasado mes de marzo se especulase coa posibilidade de que entrase en funcionamento en Semana Santa, algo que ao final non ocorreu pola magnitude dos traballos de rehabilitación e limpeza necesarios.

Entre outras tarefas, foi preciso revisar a cuberta de todas as edificacións e o sistema eléctrico, entre outros moitos traballos de mantemento levados a cabo logo de permanecer cinco anos pechado.

Estes días, unhas 30 persoas de diferentes empresas contratadas por Nubian Properties están a deixar a punto a parte exterior e interior do complexo hostaleiro. Ao mesmo tempo, na oficina de emprego de Monforte búscase a persoas no paro interesadas en traballar en Sober. Aínda que non se especifica o centro de emprego os perfís apuntan a que se trata do establecemento turístico

POR 2,4 MILLÓNS. O hotel Palacio de Sober leva pechado desde 2014, cando a empresa construtora e xestora, Alvaher 98, entrou en concurso de acredores.

Na oficina de emprego de Monforte búscanse persoas no paro interesadas en traballar en Sober

Nubian Properties fíxose coas instalacións logo dun longo proceso xudicial e tras abonar polas mesmas 2,4 millóns de euros. Na súa orixe, o complexo funcionou coa categoría de cinco estrelas gran luxo.

Os actuais empresarios traballan no desenvolvemento do plan de explotación do mesmo, pero non se descarta que acolla hóspedes en réxime ordinario e que se especialice na organización de eventos. De feito, tamén se porá en funcionamento a cociña e o gran comedor que posúe.

RENDEMENTO. Hotusa desprazará ata Sober os seus mellores directivos para a posta en marcha do hotel, pois desexa encarrilalo e que sexa un referente para o turismo crecente da Ribeira Sacra.

Sen ir máis lonxe, está situado nunha zona excepcional, como é a capital do viño de Amandi, moi preto do embarcadoiro que asuca o canón do Sil e a tan só a dez minutos en coche de Monforte, polo que se cre que o éxito, cuns precios axustados á demanda, está garantido.

Un milleiro de prazas en Galicia
O presidente de Hotusa, o chantadés Amancio López Seijas, fixou hai uns anos os seus ollos na súa terra natal, ao considerar que Galicia ten un gran potencial desde o punto de vista turístico, algo que os números avalan. Na actualidade, López Seijas controla máis dun milleiro de habitacións hostaleiras baixo as marcas Eurostars e Exe, ás que hai que sumar as de Pousadas do Salnés. Son en total, sen contar as pousadas e o hotel de Sober, un total de catorce establecementos.

Comentarios