Folgoso do Courel dará axudas aos hostaleiros afectados polos incendios

O crédito financiarase con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais do Concello resultantes da liquidación do exercicio anterior e ascenderá a 15.000 euros
Un bombero forestal, en O Courel durante la ola de incendios del pasado verano. AEP
photo_camera Un bombero forestal, en O Courel durante la ola de incendios del pasado verano. AEP

O Concello de Folgoso do Courel dará axudas aos hostaleiros afectados polos incendios forestais do pasado verán. No último pleno ordinario da corporación aprobouse por unanimidade unha proposta da alcaldía para modificar o orzamento en vigor e incluír un crédito extraordinario.

Dito crédito será financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio anterior e ascenderá a 15.000 euros. Unha vez finalice o período de reclamacións, o Concello elaborará as bases que rexerán estas axudas para que o sector poida reclamalas.

CONTEXTO. Desde a administración municipal recordaron a grave afectación que tiveron os incendios iniciados o 14 de xullo deste ano para a actividade económica do Courel. As consecuencias padecéronse desde a produción dos lumes ata a actualidade.

Entre outros prexuízos, os incendios provocaron cuantiosos danos materiais nas propias instalacións e infraestruturas hostaleiras, o peche de negocios ata a estabilización da situación incendiaria ou detrimentos económicos en forma de, por exemplo, cancelacións de reservas durante todo a época estival.

PROCEDEMENTO. O obxectivo do Concello é "contribuír a paliar as consecuencias económicas negativas producidas", pero no anexo de subvencións que acompaña ao orzamento vixente non se fai referencia a estas axudas nin contempla unha dotación para afrontar devanditos gastos. Por esa razón procedeuse á súa modificación, co fin de contar co crédito adecuado e suficiente para facer fronte a esta inxección.

Comentarios