A hospedería do convento de Pantón custará 512.000 euros

A Xunta contratou os traballos para crear habitacións que alberguen dez persoas, pero tamén para habilitar unha zona de promoción turística

Monasterio de Santa María de Pantón. TOÑO PARGA
photo_camera Mosteiro de Santa María de Pantón. TOÑO PARGA

A Xunta de Galicia acaba de anunciar a adxudicación das obras tendentes ao acondicionamento dunha hospedería no mosteiro das Bernardas de Ferreira de Pantón. Os traballos teñen un custo de 512.000 euros. Ademais, habilitarase un espazo multifuncional que poderá acoller información divulgativa sobre o cenobio e as igrexas románicas do municipio, así como sobre a Ribeira Sacra en xeral. O prazo máximo para a execución das tarefas contratadas pola Xunta é de seis meses. 

A nova hospedería do mosteiro de Santa María de Ferreira estará situada na primeira planta e contará con capacidade para dez persoas. Contará cunha sala de xantares, catro habitacións dobres, dúas individuais, unha sala comunitaria e outras estancias de servizos. 

No convento das Bernardas xa funcionou no seu momento unha hospedería na que se facían retiros espirituais ou servizos de acollida a persoas que estaban a pasar un momento complicado, aínda que as instalacións quedaron obsoletas. 

Coa creación do novo espazo, José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo, cre que se vai "recuperar a tradición de hospedaría monástica neste contorno único, ampliando se cabe os atractivos do mosteiro e mesmo do municipio". 

Ademais de actuarse na primeira planta hai reformas deseñadas para o baixo da á este co obxectivo de situar alí a recepción da propia hospedería e un espazo informativo sobre o monumento e a súa contorna. Será unha especie de parada turística desde a que ademais se poderá acceder á torre barroca do convento, que tamén se recuperará. 

Na actualidade, o complexo das Bernardas xa ten un servizo de visitas guiadas e esta obra tamén pretende mellorar as súas prestacións.

Máis en Ribeira Sacra
Comentarios