A Guía Peñín referenciará 57 viños de vinte adegas

Dous catadores da prestixiosa publicación achegáronse a Monforte e recomendaron non abusar do envellecemento dos caldos

photo_camera Os catadores Carlos González e Javier Luengo na proba de Monforte. EP

O equipo de cata da Guía Peñín, formado por Carlos González e Javier Luengo, visitaron a sede do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra para catar 57 viños de 20 adegas (31 tintos do ano, doce brancos, trece tintos en barrica e un rosado). Carlos González destacou a "limpeza" dos tintos. "A de 2018 pareceume unha colleita na que se percibe claramente esas notas de froita vermella, ese cheiro á Galicia interior, eses balsámicos, esa herba verde".

Á hora de referirse aos tintos de barrica, Javier Luengo, apuntou que pola influencia climática da zona as crianzas en barrica teñen que ser moi coidadosas. "Vimos que nos últimos anos as adegas están a apostar por estas elaboracións, o que lle parece lóxico tendo en conta o custoso que resulta elaborar os viños na Ribeira Sacra, todo co fin de sacar viños de gamas máis altas".

A Guía Peñín cumprirá con esta edición 30 anos de existencia e case 400.000 viños catados en España

Neste sentido, González puntualizou que hai adegas na denominación en que se ve nas elaboracións a madeira "é un medio, non un fin, pero hai algún viño que ten un puntiño de máis do que debería, perdéndose a chiscadela diferenciadora que para min teñen os viños de Ribeira Sacra".

A Guía Peñín cumprirá con esta edición 30 anos de existencia e case 400.000 viños catados en España. Con esa bagaxe, consideran que os viños de Ribeira Sacra teñen un carácter especial, froito da diversidade, que dá lugar a viños singulares. "Combínanse aspectos que ben interpretados son moi interesantes, pero depende do que vaia buscando o elaborador, se se obsesiona co grao alcohólico ou aposta pola frescura que vén pola alta pluviometría e os ventos fríos do Atlántico, por iso aquí hai viños tan singulares", declararon os catadores de Peñín.

A iso hai que sumarlle a edafología e ver que segue existindo a viticultura heroica, algo que para os promotores da guía de viños é "un gran plus", pois moitas adegas aproveitan o enoturismo como dinamizador da zona.

Pensando no futuro da denominación de orixe Ribeira Sacra, Carlos González destacou as potencialidades da zona do río Bibei, na zona ourensá. Auguráballe un interesante futuro polas condicións que lle dan tanto a altura e o clima, pensando no cambio climático.

Comentarios