O geoparque Montañas do Courel, optimista tras a revaluación da Unesco

Dous expertos desta organización visitaron a comarca de Quiroga esta semana para comprobar o traballo realizado desde 2019
Una visita a un sequeiro en la aldea de Froxán. EP
photo_camera Unha visita a un sequeiro na aldea de Froxán. EP

Os responsables do geoparque mundial Montañas do Courel teñen plena confianza en que manterán o título que lle concedeu hai tres anos a Unesco logo da visita que levaron a cabo esta semana dous avaliadores enviados por este organismo para comprobar o traballo realizado na comarca desde 2019.

Roberto Castro, presidente da asociación Montañas do Courel, sinalou que os avaliadores, o islandés Sigurður Sigursveinsson e o portugués Carlos Neto, marcháronse "con moi boas sensacións". Foron tres días de visitas "nos que fixeron moitas preguntas e sacaron a conclusión de que somos un territorio pequeno que con poucos recursos está a ter a capacidade de saír adiante".

Un dos obxectivos principais do geoparque era demostrar á Unesco que se traballou para liquidar as carencias que sinalou a organización cando visitou a comarca en 2018.

Entre elas estaba a unificación dos paneis de información turística ou a colocación de carteis nos puntos de entrada á comarca; que se instalaron nas estradas secundarias, pero aínda non contan co permiso para polos na Nacional 120, por ser esta vía de titularidade estatal.

PROPOSTAS. Durante a visita, aos avaliadores da Unesco chamoulles a atención a ruta das aldeas paleozoicas, un percorrido por seis pobos repartidos polos tres municipios nos que se edificou con rocas desa época xeolóxica.

"Pareceulles unha proposta moi orixinal e déronnos algunhas recomendacións para poder mellorala", contou Martín Alemparte, xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel e, segundo Roberto Castro, "unha dás almas motoras do xeoparque".

Os avaliadores da Unesco, proseguiu Castro, tamén comprobaron como os concellos da comarca "seguimos mantendo unha liña de acción conxunta e creando novos recursos". O último foi o centro de interpretación da minería aurífera romana de Ribas de Sil, que visitaron este venres.

FUTURO. Ademais, este novo museo comparte parcela co cámping de San Clodio, que abrirá as súas portas proximamente.

A creación de novas infraestruturas é un paso importante para apontoar un geoparque "que sabemos que non vai ser a salvación desta comarca cun futuro complicado, pero que, sen dúbida, é un fío de esperanza moi importante", apuntou Castro.

Desde Montañas do Courel confiaban desde un inicio en non ter demasiadas dificultades para pasar esta proba e o resultado da visita failles ser "optimistas" de face á decisión da Unesco, que, se todo salgue ben, volverá visitar a comarca en 2026.

IMPLICACIÓN. A visita dos auditores da Unesco finalizou este venres cun acto multitudinario na praia fluvial de San Clodio que contou con actuacións musicais e unha mostra de baile rexional.

Os avaliadores coincidiron en destacar "a implicación e o interese que ten a xente polo geoparque", dixo Alemparte.

Comentarios