Unha fundación reclama a inclusión das oliveiras de Quiroga no BIC

Destacan especialmente a produción olivareira da zona

Recolección de aceituna en Soldón. AEP
photo_camera Recolección de oliva en Soldón. AEP

A fundación Germán Estévez pide que se inclúa na declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra o patrimonio ambiental dos vales de Quiroga e Ribas de Sil e especialmente a produción olivareira da comarca.

O colectivo considera que este patrimonio pode fortalecer a candidatura ante a Unesco pero tamén protexer a produción da comarca, única en Galicia polas variedades empregadas e os métodos de produción tradicionais. Argumenta a asociación que sería adecuado elaborar un censo de produtores e apuntar na etiqueta do produto que procede da paisaxe cultural da Riberia Sacra.

O colectivo Germán Estévez ampara a súa proposta nos estudos sobre o sector desenvolvidos nos últimos anos polo Csic (Consello Superior de Investigacións Científicas) e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

As peticións da fundación tamén se refiren aos bosques de castiñeiros que hai tanto na provincia de Lugo como de Ourense e reclama que teñan un recoñecemento no documento redactado pola Consellería de Cultura. Entre os bosques máis emblemáticos sinala os de Santo Estevo e Santa Cristina en Ourense, e os de Pesqueiras e Pombeiro, na Ribeira Sacra da provincia de Lugo.

O portavoz da fundación insiste en que nos informes remitidos hai tres anos polo Valedor do Pobo naquel momento (o profesor da USC José Julio Fernández) e nos que se contaba coa colaboración dun grupo de expertos xa se alertaba de que a declaración debía protexer o patrimonio ambiental de toda a Ribeira Sacra que vai máis aló do cultivo dos viñedos, en concreto as oliveiras e os castiñeiros.

O colectivo rexistrou a súa petición ante a dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que se matice o documento sobre a declaración de Ben ou Paisaxe de Interese Cultural aprobado polo Consello da Xunta o pasado 27 de decembro e que se publicou no Diario Oficial de Galicia o día 31.

Comentarios