O Folión, pola porta grande

Chantada viviu unha histórica noite de carros que acaparou boas críticas pola estrita puntualidade e as boas historias, coa Chocolatería da señora Sabina coma gañadora
69645126_2365366166880548_493389178491371520_n
photo_camera Un momento do Folión. CHANTADA TURISMO

O número doce, xusto o último en saír, foi o carro gañador do Folión 2019. A chocolatería da señora Sabina subiu ao primeiro posto do que, seguramente, sexa o podio máis tradicional de todos cantos se instalan ao longo do ano en Chantada.

A historia relatada por este carro revivía unha vella chocolatería instalada na vila do Asma que conmoveu os integrantes do xurado. Xusto foron doce os participantes nesta edición, unha das máis aplaudidas dos últimos tempos.

As boas críticas acaparounas, sobre todo, a exquisita puntualidade. Unha das materias pendentes do Folión de Carros era comezar na hora prevista. O público agradeceuno e comentaba polas rúas dunha Chantada ateigada as grandes melloras conseguidas neste apartado con respecto ás edicións máis recentes. Foi un desfile áxil, rápido e ameno, sen apenas incidencias.

As máis importantes producíronse ao longo do día. A dous carros rompéronlles os eixes e a súa presenza no Folión perigou. Os seus membros conseguiron arranxar o problema e ás 23.00 horas estaban listos para iniciar a súa particular ruta por Chantada, que os levou dende Catro Camiños ata a Praza de Galicia.

A Chocolatería da señora Sabina durmiu como a gran campioa, pero o seu carro non foi o único que levou premio. Detrás súa, na clasificación xeral, ubicouse As lembranzas do meu avó coma alambiqueiro. Esta historia fixo dobrete, pois tamén recibiu o galardón ao mellor carro tradicional.

O traballo humano recompensouse cun terceiro premio. A memoria explicativa máis destacada foi a do carro número cinco, A cantina de Limiñón.

A maiores, o certame engade novas categorías con protagonismo para os outros grandes motores do desfile: os animais. Bois e vacas teñen os seus niveis propios. No de mellor xugada, os reis chegaron de Quiroga: os impresionantes bois do carro número catro, Un día de laboura na aldea. A vaca individual máis eloxiada polo xurado foi a do número dez, Lembranzas da casa de Suatorre.

A noite chantadesa avanzou con alegría, por algo a vila está inmersa en plenas festas patronais, e o trato ás vacas tamén supuxo aplausos. Neste caso, o premio levouno o carro número once, Panadería Campo da Feira. A recompensa a mellor manexador acabou en poder do carro número tres, Non hai pan para tanto chourizo, e o da elegancia caeu nas mans do carro número sete, A casa do ferreiro.

PÚBLICO. Ateigada. Así estivo Chantada durante toda a xornada. Como é habitual dende hai anos, todos os veciños decidiron sumarse á festa cas súas particulares vestimentas de carroceiros. Os homes con chaleco, camisa e boina; as mulleres, saia, mandil e pano na cabeza.

Os responsables de negocios e establecementos teñen tamén detrás da barra a estes particulares personaxes do folclore de Chantada, que durante un día colle a máquina do tempo e volve ao pasado a revivir os seus oficios e celebracións tradicionais. Todo acompañado da música. A foliada da tarde, outra vez, foi un éxito.

Comentarios