A firma Sense (Z) idea un dispositivo capaz de detectar ata 0,02 miligramos de glute

A monfortina Andrea Hernández quere levar este proxecto ao mercado agroalimentario
Alejandro Acosta, Andrea Hernández y Javier Casal, integrantes de Sense (Z). EP
photo_camera Alejandro Acosta, Andrea Hernández e Javier Casal, integrantes de Sense (Z). EP

Sense (Z) é un proxecto emprendedor liderado por unha monfortina, Andrea Hernández, que deseñou un sistema de detección de alérxenos nos alimentos. Por medio desta iniciativa, ela e os seus dous socios, Javier Casal e Alejandro Acosta, idearon un método para achar nun produto ata 0,02 miligramos de glute.

A investigadora cre que chegar a este punto ofreceralles importantes posibilidades no mercado agroalimentario, pois, segundo di, o sistema patente hoxe en día que chega a uns índices de detección máis baixos "alcanza os 0,06 miligramos". O problema é introducirse no sector.

Para iso, os integrantes de Sense (Z) buscan a axuda dun laboratorio —preferiblemente galego— para usar as súas canles de distribución e así chegar ás empresas agroalimentarias. "É un sistema moi fiable que permite ás marcas establecer que non hai alérxenos na súa cadea produtiva", explica a investigadora.

Outro dos seus obxectivos é alcanzar o mesmo nivel coa lactosa

O proxecto naceu coa intención de sacar ao mercado en 2020 unha pulseira que puidese utilizar calquera persoa para detectar os elementos alérxenos nos alimentos. A dificultade de obter beneficios fíxolles dar un xiro á súa idea e, a través da iniciativa empresarial coworking, optaron por un obxecto electrónico que simula unha lingua humana e atopa este tipo de compoñentes á hora de analizar un produto alimenticio.

Polo momento, a detección de glute é o que mellores resultados está a dar aos emprendedores de Sense (Z). Outro dos seus obxectivos é alcanzar o mesmo nivel coa lactosa e chegar a detectar 0,02 miligramos.

"Non sería posible sen o coworking" 
Andrea Hernández asegura que este xiro de 180 graos no proxecto Sense (Z) non sería posible sen a axuda de coworking. "Animamos a calquera persoa emprendedora a sumarse, porque abre moitas posibilidades", afirma. 

Plan aparcado 
A promotora de Sense (Z) sinala que o proxecto inicial da pulseira que permita analizar ao momento os alimentos está aparcada, non descartada. "Nunha terceira fase do proxecto, cando sexa viable intentaremos levala a cabo", subliña Andrea Hernández. 

Premios 
Sense (Z) foi o gañador da pasada edición do concurso Semente de Monforte.

Comentarios