Finlandia e Sober, unidas pola hostalería

Os docentes dun centro do país nórdico visitaron a escola de Rosende, coa que colaborarán por medio do programa Erasmus

IMG-20190502-WA0005
photo_camera A visita dos profesores concluíu cun brinde na Escola de Hostalería de Rosende. EP

Poucas experiencias como un Erasmus para aprender outros idiomas e empaparse de culturas distintas á española ou a galega. Con ese obxectivo, a escola de hostalería Belarmino Fernández Iglesias entrou en contacto cun centro de formación profesional de Finlandia, co que cooperarán por medio dun intercambio de alumnos. Algúns dos seus docentes visitaron este xoves Sober, onde coñeceron as instalacións, situadas en Rosende.

Eero Kojo e Heikki Haltia, os dous profesores chegados desde o país nórdico, estiveron cos estudantes dos cursos de grao medio de Cociña e Gastronomía e Servizos en Restauración, así como cos do ciclo formativo de grao superior de Vitivinicultura. Recibiunos o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, que posteriormente exerceu de guía por algúns dos puntos máis emblemáticos da capital do Amandi.

Unha vez coñeceron os alumnos, os seus mestres e a escola, os docentes finlandeses visitaron tamén a reitoral de Gundivós. Alí, o artesán Elías González fíxolles unha demostración de olería tradicional.

A parte final da visita a Sober incluíu unha recepción de Carlos González, cociñeiro e exalumno da escola de hostalería, no seu restaurante, Merenzao. Coñeceron tanto a súa adega como a da firma vinícola Regina Viarum.

Desde a escola de hostalería Belarmino Fernández Iglesias destacaron o encontro como "moi positivo" e aseguraron que os visitantes de Finlandia se mostraron moi impresionados tanto pola situación como polas instalacións do centro soberés. "O Erasmus entre o alumnado dos dous países pode resultar moi frutífero tanto para eles como para nós", concluíron.

OBXECTIVOS. O programa Erasmus entrará en vigor para a escola de hostalería de Sober a partir do curso que vén e durante dous exercicios académicos. Para iso, a dirección contactou con empresas italianas e o centro finlandés de onde procederon Kojo e Haltia, situado na cidade de Salgo.

Nesta escola estudan máis de 3.000 alumnos. Alí impártense ensinanzas de restaurante e cátering, turismo, informática ou comercio.

A meta principal desta iniciativa é dar un bo servizo aos visitantes doutros países que chegan á comarca. Segundo a escola de hostalería, a súa afluencia é "cada vez maior", polo que se fai importante "mellorar as competencias en idiomas e deixarse influír por outras culturas desde un punto de vista culinario".

Destas vantaxes poderán aproveitarse non só os alumnos, senón tamén os profesores. A dirección do centro considera que estes terán a oportunidade de actualizarse "e aprender técnicas novidosas para incorporar á súa práctica docente".

Respecto dos estudantes que cheguen a Sober desde Salgo, unha poboación situada ao sur de Finlandia, poderán levar a cabo as súas prácticas nos restaurantes que os exalumnos da escola de hostalería de Rosende abriron ao longo da comarca. O nome do seu centro de procedencia escusan lelo en voz alta. Chámase Salon seudun koulutuskuntayhtymä.

Comentarios