Finaliza a vendima máis produtiva da historia na Ribeira Sacra

Recolléronse case 7,2 millóns de quilos de uva
Vendimia en la Ribeira Sacra. DO RIBEIRA SACRA
photo_camera Vendima na Ribeira Sacra. DO RIBEIRA SACRA

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra acaba de finalizar, logo de 51 días de traballo, a vendima máis produtiva da súa historia, na que case un centenar de adegas recolleron 7,2 millóns de quilos de uva, máis de seis deles da variedade preferente mencía.

Segundo informou o consello regulador, dáse por finalizada "oficialmente" a presente campaña, con 7.262.831 quilos de uva recolleitos.

"A vendima de 2019 convértese así na máis abundante da denominación de orixe Ribeira Sacra ata a data, logo de rozar en 2011 os 7 millóns de quilos", aclara o consello regulador, quen tamén destaca que este ano se superou a colleita da pasada campaña en 1,1 "millóns de quilos" de uvas.

Así mesmo, destaca o órgano reitor o feito de que se recolleron 6.000.233 quilos de uva mencía, a variedade preferente que se utiliza para elaborar a inmensa maioría dos tintos da Ribeira Sacra. En canto aos brancos, a variedade godello, con 422.886 quilos recolleitos, é a máis abundante.

Ademais, nesta ocasión, "as condicións climatolóxicas foron favorables", de modo que a uva entrou nas adegas nun óptimo estado sanitario.