martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

O Festival do Viño da Ribeira Sacra reúne a 25 adegas en Monforte durante tres xornadas

Premiados na cata anual da denominación de orixe. CM.
Premiados na cata anual da denominación de orixe. CM.

A denominación de orixe entregou en Pantón os premios da cata anual, á que se presentaron 68 caldos

Un total de 25 adegas de toda a denominación de orixe Ribeira Sacra participan desde onte na terceira edición do Festival do Viño que se celebra no Paseo do Dique de Monforte. A cifra é a máis elevada de todos os certames celebrados e nese caso a organización do evento correu a cargo do Concello monfortino en exclusiva.

Á inauguración do certame acudiron o alcalde, José Tomé Roca, representantes da administración autonómica e provincial e o presidente do consorcio de turismo. A encargada de dar o pistolezado de saída foi a artista Rosa Cedrón, que ten as súas raíces na cidade do Cabe.

PREMIOS. Unhas horas antes da inauguración do festival tiña lugar no balneario de Augas Santas de Pantón a entrega de premios da cata anual da denominación, un evento que alcanzou as 25 edicións e que está organizado polo propio consello regulador.

á cata presentáronse un total de 68 viños, dos que oito recibiron premio.

Na categoría de tintos houbo 32 mostras. A medalla de ouro foi para o viño Cruceiro da adega do mesmo nome que rexenta Ramón Marcos Fernández. levou a prata unha Abadía da Cova de Adegas Moure e o bronce foi para Casa Moreiras Selección. Da adega do mesmo nome.

Na categoría de brancos concorreron 17 viños. Quedou en primeira lugar unha Abadía da Cova. Segundo foi As Glorias de Adegas Amedo e o bronce levoullo o caldo Viña Vella da SAT Os Remedios.

O concurso tamén ten unha categoría para os viños doutras anadas. Presentáronse 18 mostras e déronse unicamente dúas medallas de ouro que foron para Capador, un viño summun barrica 2017 da adega Manuel Valdés Pérez e Sollío, e o Mencía Barrica 2017 da adega Juan Alberto Álvarez Rodríguez.

O panel de cata da proba estivo integrado por un total de once profesionais. Entre eles estaban Francisco Sauco, presidente da Academia Estremeña de Gastronomía que destacou a "personalidade dos tintos" e a existencia na denominación dunhas variedades que "dan uns brancos moi ricos".

Tamén asistiu María Isabel Mijares, presidenta da Unión Española de Catadores, que destacou "o carácter aromático dos tintos e a súa capacidade para envellecer". Insistiu en que a alta calidade dos viños complicaba as puntuacións.

Viño, música, rutas e outras actividades
As adegas abrirán hoxe as súas portas ás 11.30 horas e ofrecerán degustacións ata ben entrada a noite. A oferta vinícola complétase con postos de gastronomía e artesanía. Ademais, haberá rutas polo Miño e o Sil.

Música
ás 23.30 horas está previsto na Praza de España o concerto da formación The Teta's Van.

Nenos
Os máis pequenos gozarán de talleres e contacontos ás 12.00, ás 18.00 e ás 19.00 xunto ao río Cabe.

O Festival do Viño da Ribeira Sacra reúne a 25 adegas en Monforte...
Comentarios