Un ferido tras recibir unha descarga eléctrica de 3.000 voltios en Bóveda

O home traballaba nunha rede de media tensión no lugar de Ver e atópase estable dentro da gravidade

Bóveda
photo_camera O poste onde sucederon os feitos. TOÑO PARGA

Un operario dunha empresa dedicada ao mantemento de redes eléctricas sufriu un accidente cando traballaba nunha liña de media tensión situada no lugar de Ver, no municipio de Bóveda. O home, de 47 anos de idade, veciño de Espasantes (Pantón), cuxo nome se corresponde coas iniciais O.M.G., recibiu unha descarga eléctrica que lle causou dúas importantes queimaduras.

Todo sucedeu sobre as dez da mañá deste xoves, cando o accidentado, con 20 anos de experiencia no sector, subiu a unha torreta de media tensión, pola que pasan 3.000 voltios, cando aínda non se realizou a conexión de terra para previr descargas eléctricas. As fontes consultadas indicaron que o home se confiou e por iso sufriu o accidente.

O resultado foi unha descarga eléctrica ao tocar cun dos seus ombreiros un dos cables. O seu corpo fixo de fío condutor e a electricidade saíu polo seu pé.

O operario, que non perdeu en ningún momento a consciencia, foi rapidamente trasladado ao hospital comarcal monfortino, onde tras facerlle unhas probas diagnósticas decidiron trasladalo á unidade de coidados intensivos do Hospital Lucus Augusti de Lugo para tratar as queimaduras, sobre todo a que padece no pé polo que saíu a descarga.

Ao peche desta edición, o home atopábase estable dentro da gravidade.