Ferido grave ao acudir a sofocar un incendio nun alpendre de Quiroga

O lume orixinouse na casa dunha octoxenaria, que puido saír ilesa do inmoble

 

Os bombeiros de Monforte e os grupos de intervención rápida de Courel e Quiroga extinguiron á primeira hora da tarde deste mércores un incendio nunha vivenda unifamiliar do lugar de San Vitorio, en Quiroga. Nos labores de extinción resultou ferido grave un veciño, que foi o primeiro en enfrontarse ás lapas e foi evacuado en helicóptero ao hospital de Santiago como medida preventiva. 

O lume comezou nun alpendre anexo á casa na que reside unha octoxenaria e as chamas alcanzaron dúas dependencias da vivenda. A muller logrou saír a tempo ilesa pero un veciño que acudiu a axudala foi o que resultou ferido. 

De inmediato deuse aviso aos servizos de urxencias que se fixeron cargo da situación e lograron impedir que a casa ardese por completo.