Unha feira para gozar do pasado

Rubián acolleu a 17ª edición da mostra etnográfica Outrora, que se encheu de público

outrora
photo_camera Unha das casetas da feira Outrora. L. A. R.

Na localidade bovedense de Rubián houbo un verdadeiro desfile de persoas ao longo da xornada de onte, todas desexosas de participar na edición número 17 da feira Outrora, unha mostra etnográfica que ten como fin que o público poida entender como era unha feira a principios do século XX. O encontro ten como engadido que se celebra nunha contorna privilexiada, xunto á capela do Ecce Homo.

O encontro resultou redondo, pois ademais dos centos e centos de persoas que acudiron ata Rubián houbo un marca de participación de casetas de artesanía e de demostración de antigos oficios, un total de 40. Outrora serviu para recuperar o esplendor dos mercados que funcionaban nos pequenos pobos hai cen anos, converténdose no escenario perfecto para gozar tamén da gastronomía. A convocatoria segue o patrón doutros eventos similares en diferentes puntos da comarca, con postos ambulantes e locais para comer o polbo nun xa inexistente mercado gandeiro.

A ORIXE. Fai 17 anos, o Concello de Bóveda quixo que a principal feira do ano, a do 14 de xullo, volvese ter o esplendor de outrora aproveitando o tirón dos turistas, dándolle un carácter máis festivo e que ao mesmo tempo se diferenciase dos mercados que se organizan o resto do ano.

Así naceu Outrora, unha feira que bota a vista atrás e recupera a esencia duns foros que eran a base comercial de hai un século. Nas feiras todo vendíase e comprábase, eran puntos de intercambio de bens, pero tamén de reunión e de relación social.

Os que onte se achegaron a Rubián atopáronse con ese espírito de confraternidade e puideron gozar de talleres en directo de ferrería, cantería, olaría e teares, así como do bo facer dun veciño da parroquia de Guntín, José López Castro, quen sorprendeu a todos coas súas réplicas de coches, motos e avións realizadas con latas de cervexa ou de refrescos.

Non menos atractiva foi a recreación dunha malla que tivo lugar pasadas as oito e media da tarde, que moveu a decenas de nostálxicos. Os visitantes non perderon detalle e quixeron inmortalizar o proceso coas súas cámaras fotográficas.

Comentarios