A Feira do Viño pantonesa luciu distinción

A edición número 27 do certame foi a primeira despois da súa declaración como festa de interese turístico galego

Sempre cun ollo posto no ceo ante a ameaza constante de choiva (de feito, fixo acto de presenza), pero con alegría pola volta despois de dous anos de parón e a recente declaración de festa de interese turístico galego, aprobada polo consello da Xunta do pasado 21 de abril. Pantón celebrou por todo o alto a edición número 27 da súa Feira do Viño.

Oito adegas participaron no evento. Todas elas -Corzoás, Finca Míllara, Cuidaseis, Alma das Donas, Capilla, Losada Fernández, Nogueiras e Casa Moreiras- foron premiadas polo seu traballo, como tamén as empresas locais Cachenas de Pantón, Chimpa e Tarrazo.

O deste domingo foi o último día de celebración co viño local coma protagonista indiscutible. Era unha edición especial e por iso a organización apostou tamén por un pregoeiro de altura.

José Mouriño Cuba é un dos pais da denominación de orixe (D.O.) Ribeira Sacra. Exfuncionario do Estado e da Xunta, escritor e membro da Academia Galega de Gastronomía, ensalzou todos os recursos de Pantón ao tempo que lembrou os duros comezos da D.O. Segundo relatou, non todo o mundo cría daquela nun proxecto que hoxe loce un poderoso músculo.

Mouriño Cuba recibiu un agasallo do Concello por escribir e ceder a súa voz a unha Feira do Viño que estivo a rebosar a pesares dos anuncios de mal tempo e treboadas. "Malia a auga tivemos moita xente e as adegas venderon máis viño ca nunca", valorou o alcalde, José Luis Álvarez.

A declaración. O rexedor de Pantón considera que coa distinción ábrense moitas posibilidades para a feira. Iso si, Álvarez explicou que será o ano que vén cando se poida facer unha análise máis fonda do seu impacto.

"Recibimos a declaración de festa de interese turístico galego ha nada, polo tanto nesta edición aínda non o notamos, pero estou convencido de que no futuro vainos dar presenza en guías internacionais, acceso a axudas máis potentes e unha impresionante promoción", destacou o alcalde.

Achéganse, pois, tempos de oportunidades para Pantón. A Feira do Viño regresou con forza e moi boas novas e agarda facelo para presumir dunha saúde aínda mellor que antes da pandemia.

Autoridades. Ademais da corporación municipal, moitos alcaldes e alcaldesas da comarca acudiron á cita en Pantón. Tampouco fallaron representantes da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

Entre os asistentes estaban, por exemplo, o conselleiro do Medio Rural, José González, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; ou o presidente da Deputación, José Tomé Roca.

Dende o Goberno galego subliñaron a importancia da declaración de festa de interese turístico galego, que axudará, segundo transmitiron, a proxectar a feira do viño tanto dentro como fóra de Galicia. A Xunta ensalzou o certame polo seu "arraigo, valor cultural e singularidade".

Pola súa parte, a Deputación amosou a súa satisfacción por colaborar co evento aportando 10.000 euros a través do Plan Único. "A actividade vitivinícola é un bo exemplo da potencialidade do sector primario na provincia", declarou José Tomé.

Comentarios