''A Feira do Viño de Amandi será en agosto adaptada ao novo tempo''

Luis Fernández Guitián sabe que vive nun paraíso no cal a música, o viño e a arte son recursos fundamentais, polo que busca recoñecer a súa importancia a través da creación dun museo

Luis Fernández Guitián, diante da casa consistorial. TOÑO PARGA (alcalde de Sober)
photo_camera Luis Fernández Guitián, diante da casa consistorial. TOÑO PARGA

Recuperar a Feira do Viño de Amandi é unha prioridade para Luis Fernández Guitían. Sabe que o motor económico do concello sufriu co peche da hostalería e quere axudar a adegueiros e viticultores a retomar o camiño.

Haberá Feira do Viño de Amandi?

Será os días 11 e 12 de agosto, coincidindo coa Feira da Rosca. Sober vive de e para o viño, é o principal recurso económico e hai que dinamizalo. Hai cerca de 40 bodegas amparadas pola denominación de orixe Ribeira Sacra e moitos viticultores que lles venden uva. No 2020 non se puido facer a feira pola pandemia, só houbo un evento simbólico para non deixar pasar a 40ª edición, pero este ano retomarémola.

Como será?

Falta perfilar cos colleiteiros, pero será na praza, con jaimas para os postos, control de aforo, ventilación e tempo de estancia limitado. Antes teremos o Mes do Amandi, con actividades diversas, algunha actuación musical... Non poderá ser unha feira tradicional, pero hai que adaptarse aos novos tempos e buscar formatos alternativos. O sector do viño necesita dinamización. Perdeu moito co peche da hostalería e a feira é un bo escaparate.

Vostede di que Sober vive do viño e as estatísticas confirman que se vive moito. Hai 14 centenarios.

Presumimos diso e os maiores sempre din que a súa lonxevidade se debe ao viño. Eu penso que é a vida tranquila do rural. En Sober vívese moi ben, a calidade de vida no campo non se pode pagar. Xa o sabiamos antes, pero coa pandemia fíxose máis patente e notouse no asentamento de poboación.

Medrou o censo?

Si, pero non só pola pandemia, xa viña de antes. No curso 2009-10 había 39 nenos no colexio e para o 2021-22 hai 74 matriculados. As 20 prazas da gardería están cubertas e, a pesar da lonxevidade dos veciños, a media de idade baixa porque medra a poboación nova.

Cal é o motivo?

Estamos a 10 minutos de Monforte e a 30 de Ourense. Temos un territorio fantástico e un tecido social que axuda a asentar poboación. Hai asociacións moi activas, unha biblioteca dinámica, escola de música, banda...

Sober é terra de música. Nos 50 chegou a haber tres bandas. Hoxe conservamos unha, con 150 anos de historia, que é o noso orgullo. Temos tamén escola de música, que lle serve de base. Sober é coñecido fóra pola banda.

''O sector do viño necesita dinamización. Perdeu moito co peche da hostalería e a feira é un bo escaparate'', apunta Fernández Guitián 

E polos canóns do Sil, pola cerámica de Gundivós... Levamos case dez anos na cúspide do turismo.

En Sober hai máis de 50 casas rurais e vivendas de uso turístico. Este tipo de actividade sen grandes concentracións de xente mantívose ben incluso coa pandemia. A parte lucense do canón do Sil está case toda en Sober e temos dez miradoiros para desfrutar desas paisaxes que acaban de recibir o distintivo Q de calidade. Hai arquitectura románica moi singular, un conxunto de pinturas manieristas moi interesante... En Sober o que sobra é arte. E aínda non falamos de Gundivós, cunha olería única, elaborada cun torno manual baixo, unha peza ancestral moi singular

Cantos oleiros hai en activo?

Hai dous.

E hai relevo?

Pode haber, aínda son novos. Esta olería sempre estivo ligada á función doméstica, a labranza, a matanza, o viño... O oficio perdeuse coa emigración e coa aparición do plástico e outros materiais que supliron as súas funcións. No 1981 celebrouse a primeira feira do viño e houbo dous oleiros que fixeron pezas para a ocasión. Desde entón traballouse pola recuperación.

Ten algo novo en mente?

Quero facer un centro de interpretación das terras de Amandi, un museo. Temos a música, a olería, o viño, a xeoloxía dos canóns do Sil, o románico... Gustaríame reunir todo iso nun único lugar.

E a curto prazo?

Haberá unha segunda escavación en Proendos. Na primeira apareceron elementos romanos dos séculos I e II. A lenda di que aí está enterrada a cidade de Proencia.

O verán é tempo de obras.

Estamos facendo un esforzo para ampliar a rede de auga e de saneamento. E temos un hándicap na rede viaria. En Sober hai 100 quilómetros de estradas da Deputación, en mal estado e con tramos impracticables. Se queremos dinamizar o rural, as comunicacións son imprescindibles. A Deputación ten abandonadas as estradas de Sober. É a eterna demanda.

Un alcalde con sentido do ritmo
Músico
Luis Fernández Guitián foi músico antes que alcalde e seguirao sendo cando algún día deixe o cargo. Foi profesor en varios conservatorios, dirixiu diversas formacións e puxo todo o seu empeño por manter activa a banda de Sober, que supera os 150 anos de historia. Foi director da banda e da escola de música e presume delas como se foran as súas fillas.
Clarinete
O seu clarinete é o seu mellor asesor. Di que o toca con frecuencia e que no tempo de confinamento lle serviu de desafogo. ''Tocaba a diario e era o mellor momento do día. Evadíame de todo o que estaba pasando'', lembra.
En familia
Luis Fernández Guitián pode desfrutar en familia desta afección, pois a súa muller tamén é música e as súas dúas fillas seguen os seus pasos como alumnas da escola soberina.

Comentarios