A feira do aceite de Quiroga terá só 200 persoas ao mesmo tempo

A moenda na almazara de Bendilló retransmitirase en streaming e haberá unha gran pantalla no seu exterior
undefined
photo_camera Moenda na antiga almazara de Bendilló, nunha edición anterior. ARQUIVO

A comisión organizadora da XXI Mostra do Aceite de Quiroga, que terá lugar o 30 de maio na localidade de Bendilló, pechou o programa de actos deste festexo declarado de interese turístico pola Xunta. Destacan as medidas de seguridade sanitarias, pois no recinto feiral, a pesar de estar ao aire libre, non poderán estar máis de 200 persoas ao mesmo tempo. Os organizadores estiman que se poderá renovar o aforamento con frecuencia pois, destacaron, o normal é que un visitante non pase máis dunha hora no lugar.

Ademais, darase preferencia de entrada a aquelas persoas que concerten cita previa chamado ao Concello, algo aconsellable, dixeron desde a organización.

En canto á tradicional demostración de como se obtiña aceite das olivas do val na antiga almazara de Bendilló, o Concello decidiu mantela, pero sen público no interior da pequena construción. Os asistentes poderán seguir todo o proceso por streaming. Nas inmediacións da almazara instalarase unha enorme pantalla de televisión para seguir o proceso de obtención do aceite

Este ano participarán catro olivicultores nunha mostra na que todos os produtos que se poñan á venda, como outros alimentarios típicos da comarca, terán que contar co seu correspondente rexistro sanitario autorizado polo órgano competente.

O Concello mantén as datas do 24 e 25 de xullo para a Feira do Viño cun aforamento reducido
O comité organizador da XXXIX edición da Feira do Viño de Quiroga mantén as datas do 24 e 25 de xullo para celebrar o evento, aínda que saben que o encontro estará marcado por unhas condicións sanitarias, unhas restricións que fan que se traballe nunha festa alternativa, na que posiblemente se modifique o seu lugar habitual para poder limitar o aforamento. 

Mentres se traballa neste plan, foron fixadas as condicións que terán que cumprir os colleiteiros que queiran participar. Como en anos anteriores, os requisitos son ter unha cantidade mínima de 200 botellas de viño branco e 250 de tinto para levar á feira e dispoñer como mínimo desa mesma cantidade na adega. 

Esta será a primeira vez que concorran nesta feira adegas profesionais. Ata agora sempre acolleu a colleiteiros independentes.

Comentarios