Feijóo comprométese a rehabilitar a estrada que une Folgoso con Seoane

Hai dous anos que os veciños do Courel demandan a obra. A primeira fase podería licitarse a principios de 2020
courel
photo_camera Núñez Feijóo e Lola Castro, durante a reunión deste mércores. EP

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse este mércores a axilizar os trámites para mellorar a estrada LU-651, que une Folgoso con Seoane. Así llo comunicou á alcaldesa do Courel, a popular Lola Castro, durante unha reunión mantida en Santiago

Trátase dunha vía de doce quilómetros de percorrido que conecta os dous núcleos de poboación principais deste municipio. Os veciños levan anos demandando un proxecto que mellore o trazado e o dote de maior anchura. A infraestrutura atópase actualmente moi deteriorada.

A estrada atravesa de norte a sur a serra do Courel. É o paso máis utilizado polos veciños e usuarios que chegan ata a zona procedentes de Lugo ou Quiroga, polo que supón a columna vertebral do municipio.

Desde o Concello de Folgoso do Courel recoñecen que é unha obra "notablemente complicada", xa que a LU-651 discorre por unha orografía propia de montaña. Nela, os movementos de terra están tamén circunscritos á lexislación ambiental.

Núñez Feijóo notificou a Lola Castro que o expediente que dará luz verde ao proxecto se atopa nesta fase, á espera de que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emita o documento esixido para avanzar. Superado este trámite, a primeira fase da obra podería saír a licitación no primeiro trimestre de 2020.

DOUS TRAMOS. A responsabilidade do Goberno galego recae no treito de estrada que vai de Folgoso a Seoane. O mantemento da segunda metade, que circula ata Hospital —en Pedrafita do Cebreiro— correspóndelle, segundo Lola Castro, á Deputación de Lugo e "é o enlace coa A-6".

A rexedora cre que o arranxo total da estrada non é algo "menor" e pide á administración provincial que acometa "o arranxo dos seis quilómetros que faltarían para que esta vía quede nas condicións que merece". Lola Castro considera que unha infraestrutura en boas condicións suporía "un valor engadido ao potencial turístico e ambiental que temos no Courel".

Comentarios