María Vázquez: "Fan falta políticas que fomenten a cultura nos espazos pequenos"

Aspirou en dúas ocasións ao Goya, en 2017 por Mataharis e este ano por Matria. As súas raíces están en Carballedo, pero ela reside actualmente en Chantada, onde se mudou en setembro do ano pasado dende Santiago coa súa familia na procura doutra vida no rural
María Vázquez xa é unha veciña máis de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera María Vázquez xa é unha veciña máis de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO

Viviu en Madrid e tamén en Santiago, pero coa intención de regresar ao rural para establecerse coa súa familia. Dende hai cinco meses, unha das actrices de moda do cine español é unha veciña máis de Chantada. Considérase unha privilexiada, pero tamén cre que non debe idealizarse o rural.

Como foi o paso de mudarse?
Sempre quixen facelo. O paso de ir vivir a Santiago foi previo, de adaptación familiar. Viviamos en Madrid e a miña parella non é galega. Parecíame que traelo de primeiras era 'heavy', porque tamén é certo que o rural se idealiza moito. Era e son moi consciente de que o inverno aquí é duro e hai carencias, está bastante abandonado. Oriéntase para que a xente veña de vacacións, pero para quen vive o seu día a día é complicado. No meu caso, non me queixo. Son unha privilexiada, porque decido e podo residir aquí. Ademais, o meu traballo está fóra, polo que saio moito do rural.

Cales foron os motivos que a levaron a tomar a decisión?
Foron moitos. Non teñen que ver tanto coa pandemia, que motivou a moita xente, senón tamén por unha cuestión familiar. Os meus pais residen en Carballedo, fanse maiores e teño ganas de estar preto deles. Por outra banda, os meus fillos son pequenos e para eles o rural é cómodo.

Ía preguntarlle polos nenos. Críanse mellor no rural?
Para min si. Cando eres pequeno e adolescente estás moito máis na rúa, nunha contorna na que se coñece todo o mundo. Todo isto igual un pouco máis tarde non apetece, pero hai certas idades que son moi boas para estar no rural. Aínda que son das que penso que tamén tes que saír, vivir e ver outras cousas para seguramente regresar despois.

Hai xente que me di que teño moita cara (ri), porque podo aproveitar o rural e saír del. A miña vida agora é un privilexio

Eu tamén teño a sensación de que ás veces se idealiza moito o rural.
Eu creo que hai que pasar un inverno no rural para saber se es capaz de vivir aquí (ri). Si que noto moita falta de servizos, de autobuses, por exemplo. E culturalmente tamén vexo carencias.

Precisamente, vostede que pertence ao mundo da cultura, cal é a principal carencia que nota nese eido?
Cine ou teatro. Hai cousas, pero puntuais. Parece que a cultura é un privilexio. Levo anos reivindicando a súa democratización, pero non só porque chegue a todo o mundo, senón para que poida tamén facela todo o mundo, que non pareza que é algo de ricos para ricos.

Como se pode conseguir iso?
Dinamizando e facendo cultura coa que a xente se sinta identificada. Se é de cidade, sobre xente de cidade e feita por persoas de cidade, quen viva no rural sentirase allea á cultura en xeral. Fan falta políticas que fomenten a cultura nos espazos pequenos coma este, tamén dende os institutos, as escolas ou os centros culturais.

Hai algunha iniciativa que lle gustaría destacar para traer cultura ao rural?
Eu traballei moito con Cinema na Rúa. É como unha empresa que leva o cine a espazos pequenos, o cal me parece marabilloso. Así levamos Matria a moitos sitios. Iso debería facerse dende as institucións. Por exemplo, en Chantada o Concello podería promover cine unha vez á semana no auditorio municipal.

En Chantada ten habido propostas políticas en programas electorais con medidas semellantes.
Paréceme supernecesario. É certo que en Chantada temos a banda ou a escola de música, que fan moito, pero é necesario máis.

E iso por non meternos coa sanidade, que xera moitas queixas.
Se realmente xa o sistema sanitario está tan mal imaxina a cultura, que parece un privilexio... Que en realidade non o é, porque é moi necesaria para todo. Pode soar esaxerado, pero mesmo salva vidas. Se tes referentes cos que te identificas, non te sentes raro nin excluído. Tamén axuda a que non haxa machismo ou racismo.

Dixo antes que por traballo, vostede marcha moito do rural. Entendo que a Santiago ou Madrid. Como valora as conexións actuais?
O Ave facilitoume moito a vida. Boto en falta transporte público no que ir de Chantada a Ourense ou a Santiago. Sería fastidiado se non tivera coche, pero téndoo desprázome a Ourense e en dúas horas e cuarto estou en Madrid para traballar. Reivindico moito para a xente nova que hai opcións. Ao mellor non resulta doado estudar Interpretación aquí, pero despois pódese volver, vivir na túa aldea e seguir vencellado ao traballo. Cando tiña 20 anos, pensar que podía vivir en Chantada e traballar en Madrid era impensable. Agora asumo algo de militancia para amosar que se pode facer. Non tes que marchar para sempre. Facelo se queres, si; pero se é porque non queda outra paréceme tristísimo. Na medida en que non marchemos, poderemos contar con máis actividade cultural.

Nos meses que leva aquí, que é o que máis lle gusta da vida diaria de Chantada?
É complicado. Só levo cinco meses e traballo moito fóra. Dinme que teño moita cara (ri), porque podo aproveitar o rural e saír del. A miña vida é un privilexio agora mesmo. Para min é moi importante a conexión coa terra, a realidade, a tranquilidade e poder resetear do meu traballo, que implica moito tempo fóra e ás veces é moi tolo, estresante e irreal. A xente aquí non lle dá moita importancia ao que fago, é realista. Din que fago películas e que iso é xenial, pero que son de carne e óso (ri). Iso gústame moito. Dáme moita conexión coa realidade, o cal é moi importante para o meu traballo. Se me vou desconectando e só me xunto con persoas do sector, limítome á hora de interpretar a xente do redor. Eu son unha máis e eles, moi honestos. Se algo non lles gusta dinmo. Non tratan de facer a pelota e quedar ben.

"Hai moitas tradicións que gravar para que non se perdan"

As bestas, O que arde... Semella que nos últimos anos se puxo de moda a Galicia rural no cine.
Si, pero tamén teño a sensación de que hai xente cunha visión irreal porque no fondo non se xunta coas persoas do rural, que están ou idealizadas ou esaxeradas. Por desgraza, a globalización chegou a todas partes e non vivimos illados nin perdidos. Hai persoas de fóra que aínda cren que vivimos como hai 40 anos.

Pero si dá a impresión de que se ve máis rural no cine.
Hai moita xente á que lle interesa o rural e que non se perdan a identidade, a tradición, a lingua... Iso é moi bonito. Hai pouco fixen unha curta cun rapaz que vive en Madrid, pero que ten os avós en Guntín. Gravou alí e fíxoo cun respecto e un cariño pola tradición que me pareceu precioso. É moi importante o que transmiten os avós para que un rapaz que leva non sei cantos anos en Madrid veña todos os veráns e todas as vacacións, non perda o vínculo nin a lingua e queira contar unha historia de aquí.

Ve Chantada coma un escenario para contar unha historia como a de Matria?
Si, perfectamente. Chantada e a Ribeira Sacra, que está tan de moda polo turismo. Todo o que ten que ver co Entroido Ribeirao, a vendima... Hai moitas tradicións que é importante gravar nunha película ou serie para que non se perdan. Nun tempo todo cambiará moito e se non o rescatamos e inmortalizamos non sei que pasará.

Vese máis cine galego e español que antes?
Penso que se consome máis e que se quitou o estigma de que o cine español e o galego eran case un xénero en si mesmos. Dende hai uns anos vese costumbrismo, pero tamén se fan thrillers, comedias ou películas infantís. O abano é moi amplo, pero non sei se hai tanto público que nos ve. Medra pouco a pouco e hai unha importante porcentaxe de películas que triunfan en festivais e se valoran. Hai dez anos, 20.000 especies de abejas ou Matria non terían chegado aos Goya. A entrada de O que arde foi un antes e un despois. Aparecen películas moito máis independentes e noutras linguas do Estado. Chegar cunha película en galego con poucos recursos é un triunfo. Hai moitas ganas de descentralizar todo.

Comentarios