A muller de 59 anos que se queimou hai uns días na casa onde residía na parroquia monfortina da Vide ao precipitarse sobre a cociña de leña perdeu este mércores a vida no hospital da Coruña ao non poder superar o seu estado crítico. O 80% do seu corpo quedou afectado polo grave suceso.
Ocorreu sobre a unha da madrugada do pasado xoves. Todo apunta a que a muller sufriu un desfalecemento que lle fixo precipitarse contra a cociña de leña. A súa roupa ardeu e envolveuna en lapas.
A súa irmá e o seu irmán, residentes na vivenda onde ocorreron os feitos, foron quen primeiro acudiron a socorrela, alertados polos berros da muller. Posteriormente, unha ambulancia do 061 trasladou á vítima ao hospital comarcal de Monforte e de aí foi derivada á unidade de queimados do complexo hospitalario da Coruña, onde faleceu.