Evacuado en helicóptero por picaduras de avispas en Seoane do Courel

O home, que ten 77 anos e é alérxico a eses insectos, estaba a limpar unha leira en Seoane do Courel

Un veciño de Seoane do Courel de 77 anos de idade foi evacuado este mércores en helicóptero por picaduras de avispas. Ao parecer, o home estaba a limpar unha leira da súa propiedade cando, sen querer, alcanzou un niño. As avispas picárono e el, coñecedor de que é alérxico a estes insectos, desprazouse polos seus propios medios ao centro de saúde de Seoane. Desde alí foi evacuado en helicóptero ao hospital comarcal de Monforte, onde ao peche desta edición estaba ingresado en observación e a súa evolución era favorable.

Aínda que nun primeiro momento díxose que podería ser alcanzado por avispas velutinas, finalmente confirmouse que lle picaron avispas comúns. Ao ser alérxico houbo que actuar con celeridade.

No hospital comarcal de Monforte tamén se atendeu este mércores a un brigadista forestal alcanzado por unha avispa. O suceso ocorreu xa o martes pero onte, ante a hinchazón que presentaba o brazo, o home acudiu ao hospital. Logo de ser atendido puido reincorporarse ao seu posto.

ALARMA. Os efectivos sanitarios e os medios de urxencias recoñecen que desde que transcenderon os casos de veciños que faleceron por picaduras de avispas velutinas disparáronse as alertas pola presenza de supostos niños desta especie, aínda que en moitos casos finalmente son niños de avispas comúns. Con todo, na cidade do Cabe os bombeiros si que tiveron que retirar varios niños de velutinas.