Evacuada unha muller de avanzada idade tras un atropelo en Chantada

O accidente ocorreu na Avenida de Monforte, cando a vítima cruzaba polo paso de peóns que hai xunto ao supermercado Gadis
Hospital de Monforte. TOÑO PARGA (AEP)
photo_camera Hospital de Monforte. TOÑO PARGA (AEP)

Unha muller de avanzada idade foi trasladada este luns en ambulancia ao hospital comarcal de Monforte tras sufrir un atropelo en Chantada. A vítima cruzaba polo paso de peóns que hai preto da saída do supermercado Gadis, na Avenida de Monforte, cando un turismo a arroiou.

Segundo relataron varias testemuñas, o accidente produciuse a unha hora na que o sol ía moi baixo. A hipótese é que a escasa visibilidade unida ao tráfico denso que hai sempre na zona nese momento do día impediu ao condutor ver a tempo á muller e frear.

Un sanitario que se atopaba nun negocio da rúa foi o primeiro en auxiliar á ferida, no mesmo firme da rúa. Ao cabo dun intre chegou a ambulancia do 061, que trasladou á muller ao hospital. En todo o tempo de asistencia e evacuación, a Policía Local regulou o tráfico.

Fontes consultadas por este diario indicaron que a muller presentaba un forte golpe no rostro froito do impacto co coche.

Algunha xente pasaba polo lugar dos feitos precisou incluso que escoitou o golpe e viu como a muller saía despedida varios metros logo de ser atropelada.