Estrean en Monforte un documental que mostra a experiencia dun peregrino en primeira persoa

O actor principal da peza, titulada 'O Camiño de Inverno', faise eco das paisaxes, a arquitectura e o patrimonio desta ruta
O Miño e os viñedos da Ribeira Sacra son dous dos atractivos do Camiño de Inverno. CAMIÑO XACOBEO
photo_camera O Miño e vos viñedos dá Ribeira Sacra son dous dous atractivos do Camiño de Inverno. CAMIÑO XACOBEO

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou este domingo en Monforte de Lemos na presentación do documental O Camiño de Inverno, que mostra ao espectador en primeira persoa a experiencia dun peregrino que fai esta ruta.

O actor principal desta peza faise eco das paisaxes, da arquitectura e do patrimonio que atopa neste percorrido de algo máis de 200 quilómetros e que atravesa as catro provincias galegas. O ano pasado, segundo datos da Xunta, foi o itinerario xacobeo escollido por máis de 1.000 persoas.

Este proxecto, financiado co programa O teu Xacobeo do Goberno galego, recolle as entrevistas e interaccións do protagonista con outros peregrinos e coas persoas que viven no Camiño, desde asociacións e hostaleiros ata representantes das administracións.

No acto de presentación, Cecilia Pereira destacou "a importancia de proxectos como este para potenciar e promocionar outros camiños tan atractivos como o Francés". Ademais, recordou que o Camiño de Inverno foi "un dos últimos" recoñecidos oficialmente, xunto ao Camiño Portugués pola Costa.

Precisamente, o fomento doutras rutas e a desestacionalización do Camiño de Santiago é un dos obxectivos contemplados no plan estratéxico do Xacobeo 2021, a folla de ruta coa que conta o Goberno autonómico para preparar o próximo Ano Santo.

Ademais de Pereira, na presentación participaron o director do documental, Jaime Pardo; a presidenta da Asociación Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra e autora da guía na que se baseou a obra, Aída Menéndez; e a concelleira de Cultura de Monforte, Mariña Doutón.

A Xunta destaca que neste 2020 destinará "importantes esforzos a mellorar e pór en valor" o Camiño de Inverno. En concreto, dedicará 3 millóns de euros a sinalizar o anaco desta ruta que pasa por Galicia, o que permitirá actuar en 175 quilómetros de 13 concellos. Entre outros espazos, atravesa a Ribeira Sacra, enclave candidato a Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Comentarios