O bus de Monforte: unha estrea infestada de opinións positivas

O novo autobús urbano, de uso gratuíto, acolleu no seu primeiro día de servizo ao dobre de usuarios que as xornadas anteriores
Usuarios del autobús urbano de Monforte. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Usuarios do autobús urbano de Monforte. MIGUEL PIÑEIRO

A música -en concreto, a lista dun programa radiofórmula- soa a un volume que permite gozar dela e, ao mesmo tempo, manter unha conversación. As portas ábrense acollendo e despedindo xente. Moitos consultan dúbidas sobre os horarios ou o funcionamento e case todos admiran o espazoso que é. Así foi o primeiro día do novo bus urbano de Monforte.

Máis de s115 persoas subíronse este luns ás seis da tarde ao transporte público municipal, o dobre do habitual. A maioría de usuarios transmitiron opinións positivas. A amplitude do vehículo foi a máis habitual e fíxose inevitable a comparación co autobús que prestaba este servizo anteriormente. O actual saía sempre vencedor.

"Parece un avión", comentaba unha das pasaxeiras. "Case non fai ruído e é moi cómodo", dixo outro. "Agora hai que usalo, non vaia ser que o quiten", chanceou unha muller que se subiu ao autobús na parada do cemiterio. "Isto vén moi ben para afacernos a camiñar e non usar o coche", engadiu pronto o seu acompañante.

Fóra, o bus chama a atención. A súa cor vermella e o cartel electrónico fan que moitos peóns o miren e sinalen. Hai ata quen lle saca fotos. Parece gustar o seu paseo circular por Monforte, que completa nunha hora logo de facer numerosas paradas no centro urbano e o arrabalde.

José Ramón Rivero é un dos condutores. A zona de A Pinguela e o centro de saúde foron, segundo di, os puntos que máis usuarios achegaron o primeiro día de transporte público gratuíto na cidade do Cabe. Máis pola mañá que pola tarde.

Igual que os seus compañeiros, el vai pondo unha raia nun papel para contabilizar os pasaxeiros que se soben en cada parada. Hai sitio para 36 e 21 poden ir sentados.

Nin ebrios nin durmidos. A tecnoloxía controla aos profesionais encargados de manexar o autobús, que leva instalado un sistema para detectar se consumiron alcol. O vehículo non se acende con chave, senón accionando un botón. Os condutores deben soprar nun aparello similar ao dos controis de alcoholemia. Se o resultado é positivo, o bus non se pon en marcha.

Hai un segundo dispositivo cuxo obxectivo é garantir a seguridade dos pasaxeiros e o bo uso do volante por parte dos choferes. Vai inscrustado xusto diante do seu asento e mediante unha cámara detecta o seu nivel de fatiga. Se a máquina nota que quen conduce está somnoliento emite un asubío de alerta que evita que quede durmido.

Os viaxeiros dispoñen de conexión a internet gratis e puntos de carga USB. Ademais, descargando a aplicación Locatel (o usuario é bus2020 e o contrasinal, urbano) recíbese no móbil a localización exacta do autobús.

Comentarios