A ruína ameaza ao chantadés complexo de Fátima

A edificación foi construída fai 50 anos como centro para discapacitados
photo_camera Parte do complexo de Fátima situado no lugar de Centulle, en Chantada. MIGUEL PIÑEIRO

Está nun total estado de abandono, coa maleza coméndose as paredes exteriores. O seu interior é un lugar ao que, dá a impresión, acoden novas a facer botellón e a practicar como grafiteros. Así se atopa un complexo situado a só dous quilómetros do centro de Chantada, no lugar de Centulle, parroquia de San Xurxo. Trátase dun edificio concibido a mediados do século XX para albergar unha residencia que nunca chegou a funcionar e unha igrexa santificada á virxe de Fátima. é un lugar que esconde uns dos episodios máis curiosos da historia local, algo que parece caeu no máis absoluto esquecemento.

Ramón Rodríguez Porto, un dos grandes coñecedores do devir chantadés durante o último século, explica que este foi un proxecto do párroco Emilio Francisco Eiyré Lamas, quen, coas súas luces e as súas sombras, converteuse nunha das figuras relixiosas máis influentes da comarca.

Falecido no ano 2002 con máis de 90 anos, foi o promotor do complexo de Fátima, que inclúe un templo e unha residencia para inválidos que nunca chegou a abrirse.

 Foi un proxecto que asumiu con axuda dos veciños de Chantada o sacerdote Emilio Eyré

Grazas aos donativos dos veciños e ás axudas que chegaban desde o Goberno Franquista, o sacerdote fixo unha igrexa de grandes dimensións cun estilo que, segundo describía o promotor, facía referencia aos castelos irlandeses e ás construcións asturicenses. Aínda coa obra sen terminar comezaron no templo os oficios relixiosos e cada 13 de maio celebrábase o día de Fátima nas inmediacións do santuario, un acto ao que acudían centos de escolares en peregrinación, segundo recollen as publicacións dos anos 70 e 80.

Pero o proxecto de Eyré non quedou só no templo. á beira, e co amparo do Goberno, puxo en marcha un centro para discapacitados. A Asociación Nacional de Inválidos aprobou a principios dos 70 a construción dunha vintena de complexos deste tipo en toda España, un deles o de Centulle. Pouco antes da morte de Franco, o complexo chantadés estaba listo para abrir, pero o falecemento do ditador truncou o seu futuro. Nos anos seguintes o sacerdote non conseguiu que as administracións públicas ou privadas quixesen facerse cargo do edificio e este quedou no esquecemento.

Un rosario de iniciativas que non funcionaron
No mes de xullo de 2002 faleceu Emilio Eyré Lambas e, como pedira en vida, o funeral celebrouse no templo de Fátima e o seu corpo foi enterrado no propio santuario. O sacerdote deixara todo escrito, desde a necrolóxica ata o epitafio que reza na súa lápida, recorda Ramón Rodríguez Porto. Coa morte do sacerdote comezou o abandono total do proxecto de Fátima. Os veciños mantiveron o culto na igrexa, pero o centro de inválidos non chegou a materializarse.
Intento
Antes da súa morte, Emilio Eyré doou todo o complexo ao Pai Silva, promotor do proxecto Cidade dos Muchachos de Ourense. A idea era reorientar o centro e buscarlle un novo uso. No ano 2003 o Pai Silva desprazouse a Chantada para darlle un uso e iniciou unha colaboración coa Fundación San Rosendo de Ourense para reconverter o centro nun xeriátrico. Con todo, esa iniciativa tampouco saíu adiante.

Comentarios