A escola taller de Monforte foi renovada logo de trinta anos

Os vinte alumnos que fixeron as obras buscan emprego apoiados polo Concello
José Tomé. EP
photo_camera José Tomé. EP

O alcalde de Monforte, José Tomé, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausuraron na mañá do mércores o taller de emprego no que durante un ano 20 alumnos encargáronse de rehabilitar as instalacións da escola taller abertas fai 30 anos na Pinguela. Neste período que durou doce meses formáronse doce persoas en albanelería e oito en fontanería. Foron os encargados de renovar e modernizar dúas aulas de 60 metros cadrados cada unha, un aseo e dous despachos, pero tamén uns aseos e á vez vestiarios adaptándoos a persoas con minusvalías.

O traballo desta vintena de alumnos serviu, ademais, para mellorar unha sala de xuntas de 25 metros cadrados, unha aula multidisciplinar de 40 e un arquivo e unha sala contigua que suman 80 metros cadrados.

José Tomé destacou que a demanda de profesionais no sector da construción é cada vez maior, segundo llo indicaron diversos empresarios monfortinos. Engadiu que lle dixeron que teñen problemas para atopar traballadores neste campo, formados e cualificados.

Así, desde o equipo de goberno local fomentarase a contratación destes alumnos da escola taller clausurada este mércores coa posta en marcha o pasado mes de novembro dunha liña de axudas municipais de 1.500 euros por cada traballador que as empresas do sector da construción inclúan no seu persoal polo menos durante un período de tres meses.

Tomei dixo que para o seu grupo "este é un obradoiro cun claro compromiso de contratación, que non se pode quedar só nunha fase formativa, senón que ten que ter unha conexión real co mercado laboral". 

Comentarios