A escola que capta a fauna

O colexio Xoán de Requeixo de Chantada deseña unha páxina web, con vídeos tomados por unha cámara de fototrampeo dun veciño, na que se divisan animais silvestres difíciles de atopar e propios do municipio coma lobos, xenetas, martas, teixugos ou donicelas
Unha marta. EP
photo_camera Unha marta. EP

Lobos, donicelas, xenetas, martas, teixugos, xabarís, raposos ou corzos son animais dos que case todos os nenos escoitaron falar algunha vez. Pero pode que nunca tiveran ocasión de contemplar algún e ver ben como é. O colexio Xoán de Requeixo de Chantada decidiu por iso impulsar unha actividade para dar a coñecer a fauna e tamén a flora local, coa meta de que os alumnos coñezan cada exemplar.

Ao abrir a plataforma, http://faunaefloradechant.wixsite.com/website, o usuario atópase coas figuras de cada animal e ao pulsar nel ábrese un enlace a un vídeo tomado por unha cámara de fototrampeo instalada por un veciño que colabora coa iniciativa.

O home coloca as cámaras por diferentes lugares rurais do concello. Ao pasar os animais por diante, un sensor activaas e comezan a gravar. O resultado son uns segundos de vídeos moi útiles para que os nenos coñezan a fauna que habita máis preto das súas vivendas.

"Estes animais non son doados de ver, porque son salvaxes e moitos deles nocturnos, así que este material axúdanos a ensiñarllos aos alumnos", comenta a xefa de estudos do Xoán de Requeixo, Sandra Sánchez.

A INICIATIVA. O estudo forma parte dun traballo que o colexio elabora cada ano para tratar un tema concreto. Hai dous cursos foi a auga e o pasado, a volta ao mundo. No actual, tocou a flora e fauna de Chantada.

Arredor deste tema xiran moitas das actividades desenvoltas no Xoán de Requeixo. Por exemplo, no pasado Entroido os nenos tiveron que disfrazarse dalgúns dos animais que conforman o ecosistema da contorna de Chantada.

Con este obxectivo, o centro educativo traballa tamén na ampliación da páxina web. Pretenden colgar fotografías e engadir apartados relacionados ca flora de Chantada. Ademais, a intención é sumar aos vídeos dos animais unha ficha técnica con información sobre os mesmos e os seus costumes.

Os vídeos. Todas as pezas colgadas son recentes. As imaxes graváronse durante o ano pasado ou o que levamos deste e nelas especifícase igualmente a hora na que foron tomadas, a data concreta ou a temperatura que había naquel momento. Non se inclúe a localización para favorecer o benestar dos animais.

Entre os vídeos máis curiosos hai un dunha donicela seguida de varias crías. Esta captura tivo lugar pola noite, igual que a dun lobo, un animal con moita carga simbólica en Chantada (no escudo do Concello aparecen tres) e moi abundante noutros tempos nos montes da vila.

Neses vídeos os animais amósanse tal e como son, en movemento e liberdade. Iso si, polo feito de que a maioría graváronse pola noite, moitas das imaxes teñen escasa nitidez.

Polo momento, os nenos están encantados co contido. Nas vindeiras semanas, as diferentes colaboracións do Xoán de Requeixo cos veciños farán posible ver máis informacións nunha plataforma que, como di Sandra Sánchez, ten unha marcada "fin didáctica".

Comentarios