Co envero en marcha, a vendima calcúlase para finais de setembro

Os traballos volven ás súas datas habituais tras uns anos nos que se adiantou

Vendimia en la Ribeira Sacra. EP
photo_camera Vendima na Ribeira Sacra. EP

O consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra estima que a vendima deste ano non comezará ata finais da terceira semana de setembro, volvendo así ás datas habituais para esta tarefa, que nos últimos dous anos víronse alteradas por vendimas "moi precoces", segundo explicou este martes o presidente do consello José Manuel Rodríguez.

"Acaba de comezar o envero, o proceso no que a uva xa vai collendo cor. Desde que arrinca o cambio hai que calcularlle 40 días para o inicio da vendima", asegurou Rodríguez. "Tendo en conta que o envero leva catro ou cinco días en marcha en función das zonas, iso sitúanos polo 20 ou 21 de setembro, cara o San Mateo", asegurou.

O presidente insistiu en que non se trata dunha colleita tardía. "O nomal é vendimar a finais de setembro, o que pasou os últimos anos de adiantar a tarefa a primeiros de setembro é o que non se considera normal", engadiu.

De todos os xeitos, a data oficial aínda tardará en fixarse xa que os técnicos nin sequera empezaron cos controis de maduración da uva.

José Manuel Rodríguez argumentou que a estas alturas os viñedos xa superaron a fase na que son máis susceptibles ás pragas como o mildiu, pero tampouco hai que baixar a garda. "O tempo que faga ata o momento de recoller a colleita é moi importante", dixo. Nese sentido o que convén son día asollados, tempo apracible en xeral, nada de episodios extremos. "Algo de calor e que non chova moito", comentou o presidente. "Tamén hai que estar atento aos orballos das mañás, que non sexan moi fortes", engadiu.

Unhas oscilacións moi drásticas en temperatura ou humidade poderían ser perigosas para unha colleita ben encamiñada.

Comentarios