O Entroido Ribeirao reclama casa escola do Moredo para darlle uso

O colectivo pide ao Concello de Chantada que lle ceda o edificio, situado en Santiago de Arriba, para utilizalo como museo ou almacén e que leven a cabo obras de rehabilitación

El presidente del colectivo revisa el techo de la antigua escuela de O Moredo. TOÑO PARGA (Entroido Ribeirao)
photo_camera O presidente do colectivo revisa o teito da antiga escola do Moredo. TOÑO PARGA

O Entroido Ribeirao reclama o edificio da antiga casa escola do Moredo (situada en Santiago de Arriba) para arranxala e usala como local social desta parroquia de Chantada e almacén para o seu material. Entre as súas ideas atópase tamén a de habilitar no inmoble un museo sobre a súa actividade.

Segundo indicou o presidente do colectivo, Iván González Rei, o local presenta un estado absolutamente ruinoso ao estar infestado de pingueiras, gretas e manchas de humidade. Por esa razón, o representante do Entroido Ribeirao pide ao Concello que actúe detrás de rehabilitar as instalacións.

"O ideal sería unha concesión en precario, para que os veciños d parroquia poidamos usar a casa escola sempre que a necesitemos", matizou Iván González, quen sinalou as dificultades dos membros da asociación para desenvolver a súa actividade. "As vestimentas temos que gardalas en casas particulares e todos os arranxos e investimentos saen do noso peto", asegurou.

Esta precaria situación dáse a pesar de que o Entroido Ribeirao está considerado, tras a declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de ben inmaterial. A festividade comparte esta distinción co Oso de Salcedo, outra xornada propia do Entroido na comarca que se celebra na Pobra do Brollón.

O Entroido de Ribeirao de Chantada entrou na declaración BIC da Ribeira Sacra como ben inmaterial

O edificio que o Entroido Ribeirao quere empregar como museo e almacén do seu material atópase xusto no lugar onde finaliza cada ano o Domingo Lambedoiro en Chantada. Trátase dun inmoble de dúas plantas. Na primeira atopábanse as aulas onde os nenos da parroquia ían a clase no pasado e na segunda residía a mestra.

Agora o local áchase moi deteriorado e o Entroido Ribeirao considérao clave para axudar a pór en valor a súa actividade e contribuír a que Santiago de Arriba dispoña dun local social onde reunirse os seus habitantes. "A todas as parroquias lles están cedendo as casas escola e a nós non nola dan nin a tiros", denuncia Iván González.

HISTORIA. Volantes, maragatos e mecos son os personaxes típicos do Entroido Ribeirao. Os primeiros fan unha chamada ao bo tempo ao seu paso polas hortas e os segundos protéxenos. Os últimos satirizan a actualidade.

O de Santiago de Arriba é o único Entroido que sobrevive nas parroquias que conforman a ribeira de Chantada. Antes habíaos en Vilaúxe, Nogueira, A Sariña, San Pedro e Camporramiro.

Comentarios