O Entroido chega con forza a Chantada

O primeiro Domingo Lambedoiro desde a declaración BIC da Ribeira Sacra acolleu a un total de seis colectivos

A Ribeira Sacra xa conta coa ansiada e anhelada declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), o que supón que moitas actividades e eventos que celebran ao longo e ancho da súa xeografía dispoñen tamén deste nivel de protección. Entre eles atópanse o Entroido Ribeirao e o Oso de Salcedo, que este domingo protagonizaron xunto a catro asociacións de Ourense un colorido Domingo Lambedoiro.

Foi por medio duns pasarrúas polo centro urbano de Chantada. Esta demostración etnográfica saíu da céntrica Praza de Santa Ana e moveuse por diversas vías do municipio, animando a mañá aos veciños que saíron das súas casas para ser testemuñas do festexo.

O Entroido Ribeirao exerceu de anfitrión. Os personaxes característicos do colectivo de Santiago de Arriba -única arroquia que conforman a contorna da Ribeira Sacra en Chantada que conserva o seu Entroido particular- recibiron aos seus colegas da Pobra do Brollón, Viana do Bolo, Campobecerros, Fradelos e Bande.

Entre postos de venda de polbo e por rúas que saudaban a un domingo con temperaturas moi agradables, o Entroido Ribeirao abriu paso aos Fulións Rurais de Viana do Bolo, os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros, os Troteiros de Bande, os Mecos de Fradelos e o Oso de Salcedo de Brollón. Este emblemático personaxe chegado desde A Pobra do Brollón descubriu aos veciños de Chantada como as gasta cada vez que chega o Entroido.

Como o Ribeirao, o Oso de Salcedo xa ten a declaración BIC grazas á distinción da Ribeira Sacra. Trátase dunha festa que ten un gran vínculo coa natureza e simboliza o fin da hibernación dos osos e a chegada da primavera.

Xunto aos seus criados, o labor do Oso de Salcedo consiste en tinguir de negro a todo aquel que se cruza no seu camiño. Faino cunha mestura feita a base de varro, cinza e auga cociñada para a ocasión.

Invitado de luxo do Entroido Ribeirao, trasladouse pola tarde a Santiago de Arriba, onde continuou unha festa que seguirá a semana que vén co Domingo Corredoiro. "Todo foi mellor do que esperabamos", valorou Iván González Rey, presidente do Entroido Ribeirao.

Comentarios