O emprego feminino lidera o mercado laboral en Terra de Lemos

O sector servizos, principalmente a hostalería, é o que rexistrou maior ocupación
empleo
photo_camera Unha camareira, atendendo a terraza do Centro do Viño de Monforte, o pasado verán. L.A.R.

Un estudo encargado pola Consellería de Economía e Emprego, cuxo responsable é o monfortino Francisco Conde, destaca que o emprego feminino lidera o mercado laboral na comarca de Terra de Lemos, a que integra os municipios de Monforte, O Saviñao, Bóveda, Pantón, Sober e A Pobra do Brollón. O infome revela que crece a maior ritmo que o masculino no último ano, cando dous de cada tres empregos xerados foron ocupados por mulleres.

En termos absolutos, atendendo aos datos do segundo trimestre deste ano en comparación co mesmo período do 2018, houbo 136 novas afiliacións femininas fronte a 72 de homes. Por iso, o ritmo de crecemento feminino duplica o dos homes na comarca (mulleres: +2,96%; homes: +1,47%). Ademais, o incremento relativo das afiliacións femininas nestes seis municipios supera o ritmo conseguido na media de Galicia, onde aumentou un 2,20 por cento.

IDADES. A xeración de emprego faise notar nos distintos intervalos de idade, aínda que se concentra, en moita maior medida, no segmento superior. De feito, as afiliacións para os maiores de 44 anos crecen a un ritmo do 3,64% (179 afiliacións máis que no ano pasado).

O envellecemento poboacional provoca unha maior concentración de traballadores nos colectivos de máis idade. En calquera caso, apúntase no informe da consellería, tamén se aprecia unha lixeira creación de emprego nos traballadores máis novos. Os de 30-44 anos crecen nun 0,66% (23 afiliacións máis) e os menores de 30 anos nun 0,54% (6 a maiores).

MÁS QUE NINGÚN. Logo das sete grandes cidades galegas, a comarca de Terra de Lemos é a que reflicte unha maior porcentaxe de afiliacións no sector servizos, practicamente o 73% do total.

A creación de emprego no último ano incide nesta idea, pois algo máis de 9 de cada 10 empregos creados pertencen a actividades do sector servizos, en concreto 192 afiliacións do total.

Analizando a situación por ramas de actividade, os subsectores económicos que arroxan mellores resultados son a Educación con 81 afiliacións máis (+26,13%), as actividades sanitarias e de dependencia con 62 afiliacións máis (+5,07%) e a hostalería, con 61 afiliacións (+7,38%). Nestas tres actividades, Terra de Lemos consegue un maior ritmo de subida que o rexistrado no conxunto de Galicia, 14,23%, 3,79% e 2,70%, respectivamente.

Desde a Consellería de Economía e Emprego aseguraron que Terra de Lemos encadea tres anos de subidas interanuais consecutivas. Nos dous últimos exercicios, o ritmo de creación de emprego superou o 2%, uns datos que dan pé ao optimismo, sobre todo no sector servizos.

Comentarios