Eireos, máis lonxe de coller as rendas do PP en Monforte

O empresario non quere asumir o reto no marco dun clima de confrontación

Roberto Eireos. TOÑO PARGA
photo_camera Roberto Eireos. TOÑO PARGA

O empresario Roberto Eireos, que se perfilaba como candidato a liderar a lista do PP en Monforte de cara ás próximas eleccións municipais, está máis lonxe deste proxecto logo da crise aberta no partido a nivel local e ante a reacción da propia Julia Rodríguez, actual líder da formación. As fontes consultadas explicaron que Eireos non quere asumir o reto no marco dun clima de confrontación e que a súa aposta era por unha substitución pacífica e consensuada.

Ademais, líderes do partido na Ribeira Sacra mostráronse moi críticos co secretario xeral na provincia, Juan Carlos Armesto, ao que lle afean que non asumise as funcións propias do seu cargo e que resolvera a crise aclarando cales eran os plans para Monforte.

Sobre Roberto Eireos, fontes moi próximas ao empresario explicaron que "é un rapaz ao que non lle gusta o conflito e que se expuxera entrar para sumar, non para formar lea".

Ao parecer, e aínda que ela mesma o negou a este xornal a semana pasada, a propia Julia Rodríguez coñecía que a alternativa de Eireos estaba a coller forza e que o partido considerara que era hora de inxectar savia nova a un lugar como Monforte onde os resultados electorais non estaban a ser os esperados. Aínda que non tivera lugar unha comunicación oficial, Julia Rodríguez non era allea a eses movementos.

Sempre segundo as fontes consultadas, a entrada de Eireos "era un segredo a voces", pero agora haberá que reconducir unha situación e todo apunta que será Julia Rodríguez a que terá que asumir o reto de liderar a lista e demostrar se é capaz de remontar a crise e de lograr un bo resultado nas urnas.

En canto ao papel xogado por Armesto, as mesmas fontes recoñeceron que a alternativa de Eireos transcendera á opinión pública antes dos prazos que se expuña o PP. Pero insistiron en que se o secretario provincial do PP "en lugar de ignorar o que pasaba" saíse a aclarar as cousas, tanto Eireos como Rodríguez saberían a que acollerse e os proxectos previstos polo PP para cada un.

Este luns algúns deses representantes do partido na Ribeira Sacra trasladáronlle ao propio Alberto Núñez Feijóo o seu descontento pola forma de actuar do seu secretario xeral e pedíronlle que resolvera a situación de Monforte.

Comentarios