Un edificio emblemático de Quiroga converterase en aloxamento turístico

Casa Derroche albergará cinco apartamentos, aos que se poderían sumar outros dous no baixo
2020062212123130818
photo_camera A Casa Derroche, actualmente en obras para habilitar apartamentos turísticos. CARLOS JULIO GONZÁLEZ

A vila quiroguesa terá proximamente un novo aloxamento turístico nun edificio emblemático, a Casa Derroche, que aumentará a oferta hostaleira da comarca e do territorio do Xeoparque Montañas do Courel.

O inmoble cambiou de donos hai un ano, sendo adquirido por uns hostaleiros que xa rexentan outro establecemento en Quiroga. Desde entón, puxéronse ao choio cos traballos necesarios para acondicionalo co obxectivo de abrir cinco apartamentos turísticos, aos que "se todo vai ben" sumaranse outros dous na parte baixa, explicou Javier Suárez, un dos novos propietarios.

Na actualidade, a Casa Derroche está cuberta de estadas e unha tea azul con motivo das reformas. A fachada cambiará os seus tons cor salmón por un branco roto e aplicaráselle un tipo de cal hidráulico. Tamén se reformarán as fiestras e completamente o interior do edificio.

O selo Xeoparque Montañas do Courel anima a moitos empresarios a investir no sector

Cada un dos apartamentos, que están pensados para dar hospedaxe a dúas persoas, contará con tres estancias: unha habitación, un baño e un salón-cociña. Ademais, o complexo disporá dunha piscina para residentes, unha zona axardinada e garaxe. Os novos propietarios confirman que se manterán os baixos comerciais, un deles ocupado por un negocio local.

Os que coñecían o interior do edificio aseguran que tiña "mobles de moita calidade e que estaba decorado con moito gusto", algo que corrobora Javier Suárez, que ten a intención de manter a esencia da casa, así como a mueblería da mesma, que están a restaurar.

O inmoble ten moita historia e albergou numerosos negocios desde a súa construción nos primeiros anos do século XX. Entre eles, a primeira funeraria de Quiroga ou unha imprenta propiedade de Eugenio Bobillo e cuxa maquinaria está exposta desde hai uns meses no Museo Etnográfico quirogués.

Suárez confía en que o Camiño de Inverno e o potencial do Xeoparque Montañas do Courel sirvan para atraer visitantes.

Hai outros plans que están moi avanzados 
O grupo empresarial Socratea adquiriu tempo atrás o edificio do Estanco, no centro da vila de Quiroga. É outro inmoble con moita historia no que se habilitará un aloxamento con 36 prazas de capacidade e montarase un restaurante con salón e terraza interior. O Estanco unirase a outros establecementos do sector, como o albergue municipal, con 150 prazas divididas en 32 habitacións, e a varios hostais e casas rurais repartidas pola comarca.

Un amplo cámping
O Concello de Ribas de Sil traballa na creación dun cámping dotado con oito bungalós en San Clodio, nun espazo próximo á praia fluvial. A iniciativa supón un investimento de 317.000 euros. As instalacións contarán con 14 parcelas para a montaxe de tendas de campaña.

Comentarios