domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

O director da banda de Sober súmase á orquestra da Scala de Milán

Miguel Franqueiro Becerra. EP
Miguel Franqueiro Becerra. EP

Miguel Franqueiro superou unha audición xunto a outros corenta aspirantes para a formación de ópera máis importante do mundo

O músico Miguel Franqueiro Becerra, natural de Boqueixón e director da Banda de Música de Sober, reforzará o persoal da Orquestra do Teatro Alla Scala de Milán, logo de superar a outros corenta aspirantes nunha audición de tuba para integrarse na formación de ópera máis importante do mundo.

"Franqueiro Becerra fixo unha proba a pano", sen contacto visual co xurado, na que tivo que interpretar a Blazevich, Wagner, Léo Delibes e Verdi, entre outros compositores.

Dos máis de corenta inscritos de diferentes nacionalidades que realizaron a primeira proba, só tres músicos pasaron a unha final na que, ademais da tuba, tiveron que tocar o cimbasso, un instrumento tradicional italiano que se utiliza para interpretar as obras de Verdi.

O propio Franqueiro explicou que foi unha proba "que esixía unha gran preparación e moita concentración". O tubista tamén anunciou que, a partir de agora, terá que facer programas coa Scala "con relativa frecuencia", dado que a orquestra ofrece "funcións diarias para as que necesita músicos de reforzo".

Ademais de dirixir a Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro é o tuba de reforzo da Real Filharmonía de Galicia e colabora con outras orquestras de ámbito nacional e internacional, como a Sinfónica de Galicia, a Orquestra Nacional de España, a Orquestra de RTVE, a Orquestra do Liceu de Barcelona ou a Filharmonía do Teatro Rexio de Torino.

Nun comunicado, o Concello de Sober felicitou ao músico "por este novo éxito na súa carreira, nun ano moi importante para a banda local, dado que en 2019 celebra o seu 150 aniversario".

O director da banda de Sober súmase á orquestra da Scala de Milán
Comentarios