O director da banda de Sober, solista coa Sinfónica de Barcelona

Participará en tres concertos esta fin de semana

Miguel Franqueiro Becerra. EP
photo_camera Miguel Franqueiro Becerra. EP

O director da banda de música de Sober e tubista, Miguel Franqueiro Becerra, será por primeira vez o tuba solista da Orquestra Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña (OBC) este fin de semana.

O primeiro dos concertos será o venres ás 20.30 horas en L' Auditori, en Barcelona, baixo a dirección de Sylvain Cambreling. Haberá outro o sábado e outro o domingo. Franqueiro Becerra será o encargado de interpretar un papel que entraña unha dificultade notable. O repertorio previsto para eses concertos inclúe pezas de Messiaen, Beethoven e Berlioz. A OBC é unha entidade que acumula máis de 70 anos de historia e numerosos e prestixiosos premios.

O músico, natural de Boqueixón, é o director da banda de música de Sober desde o ano 2005, unha agrupación que en 2019 cumprirá 150 anos.

Nos últimos tempos Franqueiro Becerra tocou con orquestras internacionais de primeiro nivel como a West Eastern Diván Orchestra, a Hulencourt Soloists Chamber Orchestra (Bélxica), a Orquestra de Rtve, a Ópera Teatro Rexio Torino (Italia) e, de forma habitual, coa Real Filharmonía de Galicia.

Comentarios