A Deputación volve encargar a Tragsa o servizo de catamaráns para a Ribeira Sacra

Adianta ao 19 de marzo o inicio da tempada de rutas
Imagen de una de las rutas en catamarán por la Ribeira Sacra. EP
photo_camera Imaxe dunha das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra. ARQUIVO

A deputada de Turismo e portavoz socialista do goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, anunciou este venres, tras a xunta de goberno, que se acordou "encargar á empresa pública Tragsa a prestación do servizo público das rutas fluviais en catamarán" para este ano, que discorren pola Ribeira Sacra. 

A aprobación tamén contempla a posibilidade de "ampliar este encargo en 2022 e 2023", e o que se consignará para o servizo aproxímase aos 686.000 euros "cada ano". 

García Porto aproveitou para anunciar que unha das principais novidades para 2021 é que o servizo de catamarán empezará a operar antes, a partir do 19 de marzo e ata finais de ano, cumprindo "sempre e de forma estrita as medidas de prevención ante o covid 19 que se vaian adoptando en cada momento polas autoridades sanitarias". 

A deputada socialista recordou que Tragsa é "medio propio desta institución desde finais de 2019" e xa se ocupou en 2020 destas rutas, "con resultados moi satisfactorios, tendo en conta ademais o importante impacto da pandemia e as restricións sanitarias que limitaron bastante a saída das embarcacións". "Pero aínda así o resultado foi moi positivo", dixo. En total, contabilizáronse "máis de 21.000 persoas" que realizaron as rutas fluviais.

"Desde a Deputación de Lugo volvemos apostar decididamente por ofrecer un servizo turístico público e de calidade, que contribúe de xeito directo a dinamizar a economía da Ribeira Sacra e axuda á hostalería e ao comercio cando máis o está necesitando", subliñou García Porto. 

Nesta tempada mantéñense as dúas rutas que se viñan ofrecendo: a de Canón do Sil, que parte do embarcadoiro Ponte do Sil, e a de Cabo do Mundo, que parte de Belesar. A primeira é unha travesía de dúas horas que bordea os municipios de Monforte, Sober, Castro Caldelas, Teixeira e Parada de Sil, e na que operarán dúas embarcacións que teñen en total unha capacidade de 159 prazas. A segunda ruta pasa polo Saviñao, Pantón e Chantada, cun catamarán para 72 viaxeiros.